UVigo Motorsport amosa o UM19 tras case un ano de traballo

Cun deseño moi similar ao seu antecesor, o vehículo é máis lixeiro

O UM19 quedará esta semana totalmente ensamblado e xa poderá ser sometido aos test precisos para poñelo a punto para as competicións nas que participará en agosto nos circuítos de Hockenheimring e Montemeló. Culminan así 11 meses de traballo nos que unha vintena de estudantes da Universidade de Vigo deseñaron e fabricaron o monoplaza co que participarán, por quinto ano consecutivo, nas competicións máis importante da Formula Student. O vehículo que rodará en Alemaña entre os días 6 ao 11 de agosto, será presentado nun acto público o mediodía do vindeiro venres 2 de agosto, nun dos aparcadoiros da praia de Samil.

O alumnado das escolas de enxeñaría Industrial e de Telecomunicación e, tamén por primeira vez, de titulacións da rama de Artes e Humanidades, foi que de acadar os dous retos que se marcaron ao inicio do proceso de deseño e construción do vehículo: obter datos en tempo real para mellorar o comportamento do vehículo en pista e reducir o seu peso, respecto do do seu antecesor. “O monopraza do ano anterior pesaba 270 kgs e este ano melloramos o proceso de fabricación dos compoñentes de fibra de carbono, o que nos permitiu reducir o peso total do monopraza arredor e 30-40 quilogramos”, explica María Couso, líder do equipo UVigo Motorsport.

Cun deseño moi semellante ao do seu predecesor, o UM19 tamén ten un chasis híbrido, con monocasco en fibra de carbono e subchasis en aceiro tubular. En relación ao seu sistema aerodinámico, o equipo apostou pola la implementación dun sistema de aerodinámica activa en ambos aleróns, co que mellorar o paso por curva e o trazado en recta do monoplaza. Ademais, redeseñáronse os pontóns que permiten un mellor fluxo de aire, favorecendo a refrixeración do motor. En pleno proceso para rematar a ensamblaxe do vehículo, María Couso lembra que “esta tempada tivemos varios problemas coa fabricación do monocasco, o que nos retrasou considerablemente. Cada ano enfrontámonos a novos retos e este a fabricación do monocasco foi un deses grandes problemas”, asegura, ao tempo que destaca que este curso foi o que máis quilómetros percorreron, xa que todas as pezas e configuracións foron probadas no modelo anterior para asegurar a súa fiabilidade e deseño.

Como mínimo igualar os resultados da tempada anterior

A competición en Alemaña comezará o 6 de agosto e aínda que non están confirmadas as datas exactas de todas as probas, que se prolongarán ata o día 11, o habitual é que se inicien polas estáticas: plan de negocio, deseño, etc. e en paralelo coa inspección técnica do vehículo, onde se verifica que cumpre coa normativa da competición. Logo, chegarán as probas dinámicas nas que o protagonismo será para os monoprazas. No caso de Montmeló, a competición durará do 20 ao 25 de agosto, comezando tamén polas probas estáticas e a inspección técnica, para finalizar coas probas dinámicas.

Logo de finalizar a tempada pasada por primeira vez e tras cinco anos de vida do proxecto todas as probas da competición, incluída a Endurance, a de maior resistencia e a máis dura, María Couso apunta que “este ano temos que como mínimo igualar os resultados da temporada anterior e lograr mellorar os tempos nas probas dinámicas para acadar mellores resultados e escalar postos no ránking final”.

Identidade de grupo e apoio de preto de 80 patrocinadores

Tras case un ano de traballo, María Couso considera que o equipo foi quen de “crear unha identidade de grupo coa que todos nos sentimos identificados e iso sempre facilita que o ambiente de traballo permita que todos poidan dar o mellor de si mesmos”. Para a líder do equipo, transcorridos cinco anos desde a creación do proxecto,  o alumnado que participou nel conseguiu amosar o potencial das e dos futuros enxeñeiros galegos, “levando a imaxe da Universidade de Vigo e do sector automobilístico galego a todos os recunchos de Europa”.

Precisamente ao sector da automoción pertencen a maioría dos 79 patrocinadores que este ano apoiaron o proxecto, aínda que tamén hai empresas de loxística, servizos gráficos, compoñentes electrónicos, aeronáutica, etc. Un apoio que o equipo agradece e que considera ten a súa orixe en que “cada ao o proxecto é máis coñecido, tanto local como no ámbito nacional, e cada temporada temos o pracer de contar co apoio de máis empresas que apostan polo talentos novos”, aseguran.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM