Xornada sobre calidade de vida e dano cerebral adquirido o 29 de setembro

Conferencias do catedrático de Psicoloxía da Discapacidade Miguel Ángel Verdugo, do xurista Miguel Vieito e do psicólogo clínico Miguel Anxo García

A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (Praza de Mazarelos, s/n) vai ser o escenario que acolla a segunda Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido, que FEGADACE organiza o sábado 29 de setembro desde as 9:30. O encontro está dedicado á reflexión, definición, estudo, avaliación e medición da calidade de vida do colectivo que representa a Federación Galega de Dano Cerebral.

Ademais, durante a mañá entregarase o 6º Premio FEGADACE – Miguel Blanco ao Instituto Universitario de Integración na Comunidade (INICO), da Universidade de Salamanca, polo seu compromiso coa “mellora da calidade de vida e autodeterminación das persoas con dano cerebral adquirido ao longo de todo o seu ciclo vital”.

A inscrición é gratuíta, pero debe formalizarse previamente a través dun formulario online que se pode atopar nesta ligazón: https://goo.gl/forms/FfMjlFY2dKxfNzSk2

Conferencia de Miguel Ángel Verdugo e entrega do Premio ao INICO

Trala apertura institucional, a conferencia inaugural da Xornada vai ser a do catedrático de Psicoloxía da Discapacidade e director do INICO, Miguel Ángel Verdugo, que falará –desde as 10:00- sobre ‘Calidade de vida en dano cerebral: Un enfoque multidimensional’. Verdugo é un dos principais expertos do Estado en discapacidade e conta cunha ampla traxectoria investigadora no ámbito da definición e medición do concepto de calidade de vida.

Desde o INICO, Miguel Ángel Verdugo liderou o proxecto de elaboración da Escala CAVIDACE, unha ferramenta para a avaliación da calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido que a Universidade de Salamanca presentou en marzo deste ano.

A creación desta escala é un dos principais argumentos que sustentaron a decisión da Xunta Directiva da Federación de conceder o 6º Premio FEGADACE – Miguel Blanco ao INICO. O profesor Verdugo será o encargado de recollelo durante o breve acto de entrega que terá lugar durante a Xornada sobre o DCA, despois da súa conferencia, ás 11:20.

Dereitos e autodeterminación

Trala entrega do galardón a Xornada vai continuar abordando diferentes aspectos relacionados coa calidade de vida no DCA. O xurista Miguel Vieito Villar falará a partir das 12:00 de ‘Dereitos das persoas con Dano Cerebral Adquirido’. Membro da Asociación Europea de

Dereito Sanitario, da Asociación Mundial de Dereito Médico e do Comité de Ética Asistencial do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Vieito realizará unha exposición sobre os dereitos das persoas con DCA desde os puntos de vista da xustiza e da ética.

A continuación –desde as 12:50- vai ter lugar a intervención de Miguel Anxo García Álvarez, especialista en Psicoloxía Clínica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, membro do Comité Técnico de FEDACE, e destinatario dun dos recoñecementos a persoas significadas para o asociacionismo do DCA que sentaron as bases do que hoxe é o Premio FEGADACE – Miguel Blanco. Cunha longa traxectoria que o vincula a FEGADACE e ás persoas con DCA, García é o mellor especialista para falar sobre ‘Calidade de vida, vida digna e autodeterminación persoal’.

Espazo para a literatura e clausura

Antes do acto de clausura (fixado ás 14:00), no que está prevista a intervención do alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, a Xornada sobre o DCA abrirá un pequeno espazo á cultura, cuxo goce e expresión tamén forman parte do exercicio da calidade de vida. O escritor Francisco Castro realizará, pasadas as 13:30, unha breve intervención para presentar Iridium, unha novela xuvenil que ten como protagonista a unha rapaza con DCA. Con este proxecto o escritor e editor (director de Galaxia) tamén colabora economicamente con FEGADACE e Alento, a asociación de dano cerebral de Vigo, ao cederlles unha parte dos beneficios da venda de cada exemplar.

Un galardón para lembrar ao neurólogo Miguel Blanco

O Premio FEGADACE – Miguel Blanco recoñece o traballo e a traxectoria dun axente social implicado na defensa do colectivo e na sensibilización sobre o dano cerebral adquirido. FEGADACE leva premiado ata hoxe ao programa Convivir en Igualdade (Radio Galega), a Miguel Blanco, á Fundación Barrié, á DGT e a María Escario.

En 2016 a Xunta Directiva da Federación aprobou o cambio de nome do galardón para lembrar ao neurólogo Miguel Blanco, falecido repentina e prematuramente en outubro de 2015. Blanco dirixía a Unidade de Ictus do CHUS e foi un estreito colaborador da Federación, que lle quixo render homenaxe incluíndo o seu nome no premio, que el mesmo recibiu no ano 2014.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM