A comarca de Vigo acolle en marzo 13 novas accións formativas do programa “SmartPeme”

Están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades

As oficinas do programa “Smartpeme” da Deputación de Pontevedra en Vigo, Ponteareas e O Porriño desenvolverán durante este mes de marzo un total de 13 accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

A nova sede da Deputación en Vigo (rúa Chao, 17) acollerá cinco obradoiros. “Fotografía de produto: todo o que debes saber” terá lugar o martes 3 de marzo de 18:00 a 20:00 horas, “Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest” levarase a cabo o seguinte martes día 10 de 19:00 a 21:00 horas, “Aspectos legais que toda páxina web debe ter” impartirase o xoves 12 de marzo de 19:00 a 21:00 horas, “Como ser eficiente na organización do teu tempo: Trello e TOGGL” será o luns día 16 dende as 16:00 ata as 18:00 horas e, por último, “Aprende a usar correctamente Facebook para empresas” chegará o martes 24 de marzo tamén de 19:00 a 21:00 horas.

En Ponteareas, as catro accións levaranse a cabo no Centro de Desenvolvemento Local (Lomba do Cruceiro 5, Ribadetea). Estas comezarán o martes 3, de 19:00 a 21:00 horas, cun obradoiro de “Como utilizar Instagram para promover a túa empresa”. O martes 10 de 18:00 a 20:00 horas continuarán con “Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais”. O seguinte martes 17 de marzo de 18:00 a 21:00 horas será a quenda de “O teu plan de marketing dixital paso a paso”. E, por último, o martes 24 de marzo realizarase un  taller titulado “Como introducirse no mundo comercial”, de 18:00 a 21:00 horas.

Por outra banda, no Porriño as catro accións formativas serán: “Motores de reservas para empresas turísticas”, o xoves 5 de marzo de 17:00 a 19:00 horas; “Aprende a usar correctamente Facebook para empresas”, o martes día 10 de 19:00 a 21:00 horas; “Vídeo co teu smartphone: Crea, grava e edita como un profesional”, o martes 17 de 18:00 a 20:00 horas; e, por último, o xoves 26 de 19:00 a 21:00 horas será a quenda de “Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM”. Estes obradoiros desenvolveranse no Multicentro do Concello de Porriño (Ribeira s/n, Torneiros).

As inscricións para tomar parte nestas accións formativas pódense facer a través da app, no número de teléfono 886 20 20 20, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM