A Deputación arranxa o histórico problema de inundacións na EP 9204 en Meis

O goberno provincial xa ten o proxecto para o acceso á Praza de España do Mosteiro que contará cun orzamento de 223.000 € e que da cumprimento ao compromiso de Carmela Silva coa veciñanza

Deputación de Pontevedra e Concello de Meis pechan a solución para mellorar o acceso á praza de España do Mosteiro pola EP 9204 e arranxar o histórico problema das continuas inundacións na zona. O deputado de Infraestruturas Gregorio Agís mantivo esta mañá unha reunión coa alcaldesa de Meis Marta Giráldez para presentarlle o proxecto xa redactado e orzamentado, por importe de 223.000€. A actuación era unha demanda de décadas da veciñanza de Meis e foi un compromiso adquirido pola presidenta provincial Carmela Silva durante a visita efectuada fai uns meses á zona.

Deste xeito, hoxe mesmo o deputado responsable das estradas provinciais presentou á alcaldesa de Meis as obras previstas para solucionar a problemática e dar resposta, así, ás demandas da cidadanía. Tamén lle adiantou que “imos comezar canto antes, unha vez asinado o convenio e licitado o proxecto”. Gregorio Agís afondou nas liñas de actuación na zona de acceso á praza de España pola EP 9204, que inclúen despexes, movementos de terras, mellora de firmes e pavimentos, sinalización horizontal e vertical, mellora da seguranza viaria, xestión de residuos e nova iluminación. Ademais, mellorarase a seguranza viaria e as beirarrúas da estrada provincial, dando continuidade ao proxecto iniciado xa co Plan de Reequilibrio, que permitiu recuperar o espazo público para a cidadanía na praza de España e no que a Deputación investiu preto de 300.000 euros.

Pola súa banda a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, amosou a súa satisfacción polo proxecto e adiantou que xa a vindeira semana terá os documentos de cesións asinados pola veciñanza. “Para nós esta era unha actuación prioritaria. É unha necesidade solucionar unha problemática que afecta á vila continuamente”. A alcaldesa tamén sinalou a boa predisposición das veciñas e veciños da zona en relación ao proxecto.

En liñas xerais, a actuación que se vai desenvolver na EP 9204 de acceso á praza de España do Mosteiro en Meis conta cun prezo base de licitación de 223.000 €, que se financiará a través dun convenio polo que a Deputación asume o 70% dos custes e o concello de Meis o 30%.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM