A Deputación de Pontevedra aproba concertos para 58 concellos ao abeiro do Musigal 2020 para espallar a cultura por toda a provincia

O Goberno de Carmela Silva adxudicou as actuacións do programa musical, cuxo custe ascende a 614.045,25 euros

A Deputación de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno as actuacións autorizadas aos concellos dentro do programa Musigal 2020, orientado a municipios de menos de 50.000 habitantes. Deste xeito, aceptáronse as actuacións dos 58 concellos solicitantes, polo que o custo total para o ente provincial ascende a 614.045,25 euros, o que supón unha ampliación en relación cos 600.000 euros que se proxectaran nun primeiro momento. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou con respecto a isto: “Foi preciso aumentar o presuposto en 14.000 euros porque non podíamos deixar a ningún concello sen actuación”.

Tal e como anunciou, “cada concello ten dereito a unha única actuación de grupos profesionais galegos”. Así, este ano houbo limitacións á hora de solicitar as formacións musicais para que as mesmas bandas copasen a maioría de actuacións. “Non soamente queremos que haxa cultura de alto nivel e calidade en todos os concellos, senón que tamén queremos que todos os grupos teñan as mesmas oportunidades”, dixo a presidenta do ente provincial en rolda de prensa.

O concerto encargado de abrir a programación do Musigal 2020 correrá a cargo de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e terá lugar o 10 de abril no concello das Neves, mentres que a última cita será o 20 de decembro en Portas, con Andrea Pousa. Non obstante, a maioría das actuacións terán lugar no verán, xa que en xullo hai programados 20 eventos e en agosto 17. Polo demais, en abril haberá dúas citas e en maio catro. Tanto en xuño como en setembro terán lugar seis concertos e, finalmente, haberá unha actuación en outubro, outra en novembro e a última en decembro.

Entre as 21 formacións musicais que foron solicitadas polos concellos, os grupos que contarán cun maior número de eventos son Óscar Ibáñez & Tribo, Sés e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, posto que estes tres grupos actuarán en cinco concellos diferentes. Todos os grupos que actuarán con Musigal 2020 están enmarcados nas seguintes categorías: ‘Son Muller’, ‘Son Crianza’, ‘Son tradición’, ‘Son Clásico’ e ‘Son Actual’.

O programa Musigal 2020 ten como obxecto contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia de Pontevedra, así como fomentar a defensa da igualdade e favorecer a programación artística nos concellos da provincia, posibilitando que conten cos grupos adheridos a Musigal 2020. “É moi complicado que un concello pequeno poida ter unha actuación de calidade se non hai unha institución que o fomente”, sentenciou Carmela Silva sobre a relevancia do proxecto cultural. Xunto a isto, Musigal 2020 ten por obxectivos dinamizar a lingua galega, favorecer a vivencia positiva no noso idioma, contribuír á posta en valor da lingua e incremento do seu emprego, socialización en galego da infancia e toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM