A Deputación de Pontevedra inxecta case 2 millóns de euros nas corporacións locais a través das liñas 2 e 3 do Plan Concellos

Carmela Silva anuncia que outros sete concellos da provincia poderán contratar 116 traballadoras e traballadores

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a primeira relación da Liña 2 e a sexta concesión de subvencións da Liña 3 do Plan Concellos. Así o anunciou a presidenta, Carmela Silva, antes de detallar que o investimento total destes dous paquetes de accións de cooperación ascende a case dous millóns de euros. Desta cantidade, 722.675,61 euros lle corresponden á Liña 2 de amortización, pagamento de débedas, gastos correntes e actividades; mentres que os outros 1.248.031,89 euros lle corresponden ás achegas da Liña 3 de emprego.

Un total de 18 concellos serán beneficiarios da Liña 2 (Agolada, Baiona, Barro, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, A Lama, Moaña, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Portas, Silleda e Vilagarcía de Arousa). En canto á finalidade destes investimentos, Carmela Silva explicou que a maioría de peticións dos 18 concellos que entran nesta nova xeira van estar dedicadas a actividades sociais. Deste xeito, Barro solicita 30.000 euros para a Festa do Viño; Cerdedo-Cotobade, 23.000 euros para a Festa do Petote, a Transgalaica, os Campamentos e o Entroido; e Baiona, 52.000 euros para a Festa da Arribada e Sons do Casco, entre outras festividades. A presidenta concluíu, á vista da relación, que o apoio da Administración provincial lles permite aos concellos organizar “as súas grandes actividades culturais sen ter que contar con todos os recursos que poñemos á súa disposición desde outras áreas”.

Por outra banda, a sexta concesión de subvencións correspondente á Liña 3 de emprego achegará investimentos a 7 concellos da provincia: Barro, Catoira, Gondomar, Lalín, Mondariz, Poio e Sanxenxo. “Estes concellos van contratar 116 traballadoras e traballadores municipais, entre as que se atopan operarias e operarios de parques e xardíns, persoal administrativo, técnicas ou técnicos de turismo e animadoras ou animadores socioculturais. Trátase, por tanto, de empregos que permiten atender a cidadanía en todos os eidos dos servizos dos concellos”, comentou a presidenta da Deputación sobre os perfís solicitados. A selección deste persoal farase entre persoas desempregadas a través do Servizo Público de Emprego, e os contratos estenderanse ata o 31 de decembro deste ano 2020.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM