A Deputación de Pontevedra publica o novo calendario fiscal que dota de maiores facilidades ás persoas contribuíntes

Os concellos que teñen delegados impostos, taxas ou prezos públicos no ORAL foron informados pola Deputación do novo calendario e da norma para a cobranza

A Deputación de Pontevedra vén de publicar no BOPPO deste luns 25 de maio o novo calendario de cobro de tributos e prezos públicos delegados. Este novo calendario fiscal, que rexerá de xuño a decembro, afecta aos tributos e prezos públicos naqueles concellos e entes que teñan delegados os seus cobros ao ORAL. Máis polo miúdo, afecta ao Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), o Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) e diferentes taxas e prezos públicos municipais.

Amais, co fin de dotar dunha maior flexibilidade ás persoas contribuíntes no cumprimento das súas obrigas tributarias estableceuse un Plan de Pagos Personalizados COVID-19, habilitado para facilitar o pago fraccionado das cotas do recibo correspondentes ao Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e Imposto sobre Actividades Económicas (IAE), no período voluntario de pagamento. Para acollerse a este Plan de Pagos Personalizados COVID-19 as persoas interesadas deberán presentar a solicitude antes do 15 de xuño a través da oficina virtual do ORAL (https://ovt.depo.gal) ou a través do resto de sistemas regulamentados na Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas co modelo normalizado. O pagamento realizarase en ata 6 mensualidades sen existir unha contía mínima no importe de cada prazo.

A Deputación de Pontevedra fixou os seguintes períodos voluntarios de pago para o restante do ano 2020: IVTM, do 15 de xuño ao 3 de setembro; IBI, do 25 de xuño ao 5 de novembro; IAE, do 4 de setembro ao 16 de novembro, e respecto a taxas e prezos públicos, ata o 22 de xuño a 1ª cobranza, do 15 de xullo ao 15 de setembro a 2ª cobranza, do 16 de setembro ao 16 de novembro a 3ª cobranza e do 30 de outubro ao 30 de decembro a 4ª cobranza. A data dos cargos domiciliados ao abeiro do Plan COVID-19 que pon en marcha a institución provincial será o día 5 de cada mes a partir do 5 de xullo para o IVTM e o IBI e o día 5 de cada mes a partir do 5 de setembro para o IAE.

Amais da publicación no BOPPO a Deputación de Pontevedra tamén publicou na plataforma telemática cos concellos toda a información relativa ao novo calendario fiscal e á norma para a cobranza. Dita norma indica que o ingreso poderá realizarse a través da oficina virtual do ORAL ou a través de calquera entidade bancaria colaboradora. Os documentos de ingreso dos recibos non domiciliados en entidades financeiras enviaranse por correo postal ordinario ao domicilio único de cada contribuínte.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM