A Deputación de Pontevedra súmase á hostalería e ao comercio da provincia na esixencia á Xunta de Galicia dun plan de rescate

O goberno remitirá unha carta á Xunta instando a “un plan inmediato, dotado con recursos suficientes, que evite o peche de empresas e a perda de postos de traballo”

A Deputación de Pontevedra únese á hostalería e o comercio da provincia para reclamar á Xunta de Galicia a posta en marcha dun Plan de Rescate “que dea respostas a ambos os dous sectores, ante a complexa situación que están a vivir derivada da pandemia, con milleiros de familias e persoas afectadas”. Os deputados Carlos Font e Santos Héctor, mantiveron hoxe un encontro co presidente e a xerente da Federación Provincial de Hostalería, César Sánchez-Ballesteros e Beatriz Carballido, e con Celia Cabrera en representación do comercio, a quen trasladaron o compromiso do Goberno provincial de esixir este plan ao Goberno autonómico, como administración competente exclusiva, “un plan inmediato, que estea dotado con recursos suficientes e que resulta imprescindible dada a situación de restricións continuas que están abocando ao peche de empresas e establecementos, coa conseguinte perda de moitos postos de traballo”. “Non se trata de cuestionar as medidas sanitarias que decidan, dixo Carlos Font, trátase de esixir os recursos suficientes que palíen a situación e que permitan a subsistencia das empresas e dos empregos”.

Compromisos directos

Carlos Font e Santos Héctor avanzaron aos representantes da hostalería e do comercio o compromiso da Deputación para poñer en marcha no menor prazo posible aquelas propostas que fan ambos os dous sectores que “si se corresponden coas nosas competencias”. Así, co obxectivo de dar resposta á necesidade de apoio á dixitalización e innovación nas empresas, a Deputación traballará conxuntamente coa hostalería e co comercio en proxectos que poidan ser integrados na presentación dos programas que a institución provincial está a preparar para captar fondos europeos. Incluso os deputados trasladaron a disposición de estudar a opción dos PERTE, proxectos estratéxicos cara á recuperación e a transformación da economía mediante a colaboración público privada.

De feito, o potente programa que ultima a Deputación incidirá de forma importante no sector servizos, polo que na reunión de hoxe se pechou con ambos os dous sectores o inicio de colaboración para a que se establecerá un calendario de reunións cara a empezar a avaliar propostas que sexan susceptibles de integrarse no programa de captación de fondos.

Ademais, o Goberno provincial canalizará ao través de SmartPeme un plan específico de formación para o persoal profesional cara a unha maior preparación nos procesos de reapertura dos establecementos, e cara ao emprego se axilizará o programa de primeiro emprego para empresas. Do mesmo xeito, a Deputación tamén coincidiu coa hostalería e co comercio na necesidade, cara á desescalada, de seguir poñendo en marcha campañas de promoción para a reactivación do consumo e do turismo como, de feito, ven facendo a institución provincial desde o remate da primeira onda da pandemia. O Goberno provincial colaborará igualmente con ambos os dous sectores con campañas específicas de publicidade contra o medo a acudir aos establecementos.

Respecto á situación dos establecementos de hostalería e comercios dos concellos da provincia de menos de 50.0o00 habitantes, os deputados lembraron a novidade deste ano do Plan Concellos, que permite aos gobernos locais destinar ata 6 millóns de euros a establecer unha liña de axudas directas aos dous sectores e aqueles outros afectados polas consecuencias da pandemia.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM