A Deputación impulsa iniciativas tecnolóxicaspara transformar, modernizar e adaptar os concellos ao século XXI

Nos últimos tempos lanzou proxectos como a administración electrónica, o padrón municipal de habitantes, a plataforma telemática para a reunión de órganos colexiados, o sistema de cita previa ou a app para a xestión dos tributos do ORAL

A Deputación de Pontevedra está a impulsar iniciativas tecnolóxicas que están transformando, modernizando e adaptando os concellos da provincia ao século XXI. Deste xeito, amais do servizo provincial de administración electrónica ou o padrón municipal de habitantes, no último ano lanzou a plataforma telemática para reunión de órganos colexiados, que permitiu a celebración de plenos e xuntas de goberno a distancia en tempos e pandemia, o sistema de cita previa para a atención da cidadanía evitando aglomeracións ou a app para a xestión dos tributos do ORAL sen ter que desprazarse ás oficinas para realizar pagamentos.

Ao longo dos últimos cinco anos o goberno da Deputación de Pontevedra investiu no proxecto de administración electrónica e servizos asociados ao mesmo máis de 2 millóns de euros. Con este investimento, estase a garantir que 53 concellos, 6 entidades locais menores e 4 mancomunidades poidan dar cumprimento ás obrigas da Lei 39/2015. Deste xeito, amais da implantación das aplicacións necesarias que permiten, entre outras cousas, o rexistro electrónico, a xestión de expedientes ou a sede electrónica, o servizo de administración electrónica da institución provincial inclúe o soporte ás persoas usuarias, o mantemento e a formación. Así, ata o momento formáronse xa a 2.814 persoas técnicas que traballan nos concellos e a 1.367 cargos públicos municipais.

Este ano de pandemia, co fin de garantir os servizos públicos municipais, a través da ferramenta de administración electrónica impulsáronse dúas novas prestacións habilitadas na plataforma de administración electrónica como son o módulo de reunións virtuais e retransmisión en directo e o servizo de cita previa. En canto ao primeiro, trátase dun servizo que permite sesións telemáticas dos órganos colexiados, reunións, mesas de contratación e traballo colaborativo entre persoal funcionario a distancia. Así, ata o momento, celebráronse mediante este sistema a distancia 189 plenos municipais, 248 xuntas de goberno, 265 comisións informativas, 176 mesas de contratacións, 1.293 sesións telemáticas para reunións de traballo interno entre o persoal das administracións locais e 119 sesións telemáticas para a composición de tribunais, entre outras cuestións.

No que respecta á cita previa, tamén impulsada este ano e integrada na administración electrónica, trátase dun servizo que permite reservar con anterioridade unha cita presencial, telemática ou telefónica no concello, evitando aglomeracións e garantindo o mantemento das distancias de seguridade e a correcta atención da cidadanía. Neste caso, realizáronse preto de 11.000 citas previas dende a posta en marcha do servizo, que permitiron realizar preto de 9.000 atencións presenciais, 1.855 telefónicas e 50 telemáticas.

O servizo de administración electrónica impulsado pola Deputación de Pontevedra permitiu, amais, que os concellos da provincia puidesen manter a súa actividade e prestación dos servizos públicos durante o confinamento. Así, aproximadamente 6.150 persoas puideron seguir prestando a súa actividade tanto nos concellos da provincia como na propia institución provincial, de xeito remoto, evitando a paralización completa da actividade nas administracións. Neste mesmo eido o goberno provincial lanzou tamén en xuño outras iniciativas como unha app móbil, en colaboración con Abanca, para facilitar o pagamento dos tributos municipais e calquera outro ingreso de dereito público xestionado polo ORAL.

Amais do anterior, tamén se impulsou o servizo de padrón municipal de habitantes, no que se investiu preto de medio millón de euros nos últimos tres anos, que permite que permite a implantación dunha solución informática para xestionar estes datos adecuadamente en 31 concellos adheridos. Ao padrón hai que engadir outras prestacións impulsadas pola institución provincial como o servizo de impresión e dixitalización para entidades locais da provincia, do que se benefician 34 concellos e unha mancomunidade, e permite custes máis competitivos neste ámbito; a copia de seguridade na nube, pioneira na administración local e que permite cumprir cos requisitos técnicos do Esquema Nacional de Seguridade e do Regulamento Xeral de Protección de Datos; a Infraestrutura de Datos Espaciais que a través do xeoportal IDEPo integra información xeográfica da provincia nunha única base de datos e foi visitada nos últimos meses por máis de 11.000 persoas; e o servizo de información e asesoramento en materia de protección de datos para que as entidades locais logren a adecuación ao Regulamento Xeral de Protección de Datos.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM