A Deputación de Pontevedra e o Concello de Meis traballarán conxuntamente para solucionar os empozamentos na estrada que comunica coa praza de España

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, reuniuse coa alcaldesa, Marta Giráldez

Os empozamentos que se producen nun punto baixo da Estrada Provincial EP-9402, moi preto da praza de España, no lugar de Mosteiro, quedarán solucionados en canto se concrete o convenio de colaboración que acordaron estes días o deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, e a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez.

Durante a xuntanza, na que tamén estiveron presentes persoal técnico provincial e a tenente de alcalde, Araceli Maquieira, acordouse que a Deputación comezaría a traballar de xeito inmediato na redacción do proxecto para resolver as deficiencias da drenaxe deste punto. Paralelamente, o Concello ocuparase de acadar as autorizacións das persoas propietarias das leiras para a servidume de paso das tubaxes ata o río.

Desde o Concello de Meis destacouse que trátase dunha estrada moi transitada, pois comunica a praza de Mosteiro, onde tamén se están acometendo obras de humanización valoradas en preto de 300.000 euros.

Gregorio Agís expresou a vontade da Deputación para colaborar nunha obra que se considera necesaria, se ben recalcou que a institución provincial só pode actuar no ámbito da estrada, polo que a execución das canalizacións polas leiras particulares, así como a xestión das servidumes, corresponde ao Concello.

A Deputación leva investidos preto de 3,4 millóns de euros en Meis nos últimos catro anos. O municipio percibe 493.000 euros anuais no marco do Plan Concellos e con este operativo provincial financiou obras de mellora de camiños, rehabilitación de edificios públicos, saneamentos e subministracións de maquinaria para o parque municipal. O Concello de Meis tamén logrou a puntuación técnica necesaria para o financiamento, a través do Plan de Reequilibrio, das obras da praza de España.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM