A FEMP recoñece á Deputación de Pontevedra como unha das referencias en España en políticas culturais transformadoras da sociedade

A presidenta, Carmela Silva, destaca en Toledo o papel da cultura como ferramenta para o cumprimento dos ODS en relación á inclusión social, o desenvolvemento económico e territorial e a construción de pontes de solidariedade entre tódolos pobos da terra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva,  participou este martes na xornada da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) sobre “40 anos de políticas culturais locais”, celebrada no Pazo de Congresos de Toledo. A Deputación pontevedresa foi seleccionada xunto coa de Palencia e a Consellería de Cultura e Deportes de Castela-A Mancha para explicar o seu modelo de cultura transversal e transformadora da sociedade no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 da ONU.

A provincia de Pontevedra foi recoñecida neste foro como unha referencia de boas prácticas dentro da Administración local española. Durante toda a xornada, reflexionouse sobre a estreita relación entre as políticas culturais e o cumprimento dos ODS cos que, en palabras de Carmela Silva, “se pretende construír un mundo máis humano”. Na mesa participou tamén a Alta Comisionada para a Axenda 2030, Cristina Gallach, e o director honorífico da Cátedra UNESCO de Políticas Culturais da Universidade de Girona, Alfons Martinell.

Carmela Silva afirmou que axudar ao cumprimento dos ODS é “unha vocación irrenunciable” da Deputación de Pontevedra e a cultura é unha das ferramentas para conseguilo. Os 17 Obxectivos aprobados pola ONU, engadiu, serven de principios reitores para a elaboración dos Orzamentos provinciais e como principios avaliadores da eficacia no gasto público. A programación cultural da Deputación de Pontevedra, apuntou, parte de catro piares básicos: inclusión social e igualdade, desenvolvemento económico, integración territorial e defensa do medio ambiente.

“A cultura accesible, participativa e feita para rachar barreiras é un dos mellores camiños para unha sociedade máis xusta, máis igualitaria, apoderada e, por tanto, integrada”, explicou. “Cultura para todas e para todos; cultura, a pesar de todo, sobre todo despois duns tempos nos que parecía que a cultura era campo abonado para os recortes”, engadiu.

“O apoio ao sector cultural resulta básico nunha economía sustentable, rica e diversa. Dende o eido local é preciso crear as condicións para que as industrias culturais atopen oportunidades de negocio, se asenten, crezan e cheguen a exportar os seus produtos. A provincia de Pontevedra goza de moitas posibilidades neste campo”, recalcou. Unha estratexia na que, unha vez máis, cultura, deportes, medio ambiente, turismo e integración social se interrelacionan para dar forma ás políticas da Deputación de Pontevedra.

Silva puxo tamén o acento no feito de que “a cultura impregna todo o territorio dunha provincia que está vivindo unha transformación en pobos, vilas e cidades, que hoxe abren espazos urbanos ao encontro cidadán, que converten rúas e prazas en teatros ou salas de exposicións ao aire libre, onde se restauran edificios e se constrúen equipamentos que funcionan como contedores culturais ou referencias en si mesmas. As cidades e vilas da nosa provincia son axentes culturais activos e fixan poboación coa cultura”.

As políticas culturais da Deputación de Pontevedra están intimamente conectadas coa defensa do medio ambiente. “Cultura tamén é alzar a voz para reducir o uso dos plásticos, promocionar os nosos espazos naturais, defender o uso sostible dos nosos montes, das rías e apostar por un turismo que vaia máis alá do sol e da praia, que se centre nos nosos festivais musicais, na etnografía, na paisaxe ou na gastronomía”. Na súa opinión, a Administración local debe involucrarse no apoio á economía circular, ás enerxías renovables, ao consumo responsable e de proximidade e tamén ás novas tendencias de economía colaborativa e economía azul, para sacar partido dos océanos sen esquilmalos.

“Van 40 anos dende as primeiras Eleccións municipais de 1979 e dende entón “atrás quedan os tempos nos que a política cultural consistía en ter unha Concellería e nada máis; hoxe vivimos tempos nos que áreas como igualdade, medio ambiente, deportes, economía, urbanismo ou servizos sociais están intimamente relacionadas e non se entenden sen a cultura”. “Tempos nos que a política local xa non é unha illa, senón que se relaciona con correntes, movementos e inspiracións globais para un mundo mellor, no que a cultura constrúe pontes de solidariedade e amizade entre tódolos pobos”. A presidenta agradeceu a invitación da FEMP e comprometeuse a seguir facendo da cultura un eixe transversal de tódalas políticas provinciais e ao servizo do cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU para o ano 2030, “que na Deputación de Pontevedra nos tomamos moi en serio porque non hai tempo que perder”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM