A mostra ‘Afinidades Selectivas’ volve a abrirse ao público na Casa Galega da Cultura

O prazo de exposición amplíase ata o 28 de xuño

No camiño cara a “nova normalidade” os museos e salas de exposicións comezan pouco a pouco a abrir de novo as súas portas ao público. Desde este martes xa é posible volver a ver na Casa Galega da Cultura a mostra Ideas verdes incoloras dormen furiosamente, a décimo primeira da serie expositiva Afinidades Selectivas, iniciativa na que docentes e estudantes da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo crean obras xuntos. Inicialmente a mostra, comisariada por Chelo Matesanz, estaba previsto que estivera nesta sala do 6 de febreiro ata o 15 de marzo, momento no que se declarou a pandemia da COVID-19. Porén, as entidades implicadas na súa organización, a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e o Concello de Vigo, acordaron ampliar o período de exposición ao público ata o 28 de xuño.

Once pezas, oito artistas

A mostra colle o seu nome dunha frase da obra Estruturas sintácticas do lingüista e filósofo estadounidense Noam Chomsky, que exemplifica unha estrutura gramaticalmente correcta pero sen significado aparente e coa que o autor norteamericano amosaba o seu interese pola gramática, polas regras que constrúen oracións, independentemente do que significasen. “As obras que conforman a mostra, son todas obras de artistas que desenvolveron xa unha ampla traxectoria como tales, e que loxicamente utilizaron as ‘regras’, os procesos ao seu xeito, para construír significados diferentes e complexos”, explicaba Chelo Matesanz na inauguración da exposición.

Once pezas de oito artistas integran Ideas verdes incoloras dormen furiosamente, onde conviven técnicas, materiais e disciplinas. A parella formada pola docente Teresa Pajares e a egresada Blanca Nieves Lourés presentan nela unha obra sen título elaborada con papeis vexetais e pintura acrílica, no caso de Pajares, e as obras Autorretrato, Nudo de Alejandro Columna, de Lourés. Pola súa banda, o profesor Juan Carlos Román presenta Visión paranoico-crítica del presidente Mariano Rajoy como el velazqueño Conde Duque de Olivares, mentres que o egresado Ventura A. Pérez amosa a peza de cerámica titulada 99 formas. O docente Jesús Pastor amosa a impresión sobre papel algodón Neither. Autor Morton Feldman (2010). Universal Edition Ltd, Plöchl. Freistadt. ISBN: 978-3-7024-6619-0, 2013 e a alumna Eva Quinteiro as obras Memoria e outra sen título, elaborada con terra e raíces. Tamén se pode ver na exposición Trompe-Soleil da docente Elena Lapeña e Dibujar lo más alto posible e Estampar las arrugas de la frente, do titulado Enrique Lista. “Cada docente elixe o seu partner e tamén o xeito de establecer ese diálogo. Nalgún momento, mentres se levaba a cabo a docencia (as e os alumnos son egresados), producíase esa ‘Afinidade’, que non significa necesariamente unha asimilación do expresado na aula, senón que hai un entendemento que está por riba da relación de ensinar e aprender”, sinalaba a comisaria da mostra co gallo da súa apertura.

Horarios e condicións

A exposición pode visitarse nos horarios de apertura ao público da Casa Galega da Cultura, que son de luns a venres de 18.00 h a 21.00 h; sábados de 12.00 h a 14.00 h e de 18.00 a 21.00 h, e domingos e festivos de 12.00 a 14.00 h. As condicións de acceso están sometidas ás establecidas nas ordes correspondentes, especialmente no que afectan á reapertura de museos e salas de exposicións e que abranguen, por exemplo, mantemento da distancia interpersoal, uso obrigatorio de mascarillas, redución de aforo a un terzo, novos circuítos de circulación e especial protección ao persoal traballador nos centros, entre outros aspectos.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM