A Rede CeMIT conmemora o Día Mundial de Internet cunha programación especial durante a segunda quincena de maio

Desde o 15 ao 31 de maio ofrecerase actividades formativas para sensibilizar á sociedade sobre as vantaxes das tecnoloxías dixitais e o uso seguro da Rede

Un ano máis, a Rede CeMIT celebra o Día Mundial de Internet, que terá lugar o vindeiro 17 de maio, cunha programación especial de actividades durante a segunda quincena de maio, que se suma ás iniciativas que diariamente se realizan desde a Rede CeMIT na que se ofrecerán máis de 240 actividades e 2.000 horas de formación.

As actividades programadas desde a Rede CeMIT con motivo deste día teñen como finalidade sensibilizar á sociedade galega sobre as posibilidades do uso da internet e así como da redución da fenda dixital e do fomento do uso seguro e responsable.

Grazas á colaboración dos aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 e á labor dos responsables das aulas CeMIT, entre o 15 e o 31 de maio, xunto coa programación habitual, ofrecerase un catálogo de actividades orientadas a nenas e nenos e adultos achegándolles ao eido da robótica, á seguridade en internet e ao uso de diferentes servizos dixitais.

Actividades programadas

Ao longo da segunda quincena do mes de maio están previstos a celebración de dous talleres de robótica educativa que serán impartidos polo aliado dixital Altia e que terán lugar nas aulas CeMIT de Padrón e Ames.

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), tamén en calidade de aliado dixital, realizará dúas charlas sobre fake news e a seguridade na rede na aula CeMIT de Lugo e na aula CeMIT de Redondela, desde onde se retransmitirá por videoconferencia a outras aulas CeMIT.

Desde a aula CeMIT de Abengondo, o aliado dixital Serbelt Consultores, realizará un taller dirixido a particulares e autónomos sobre facturación con solución de código aberto.

Adicionalmente, de forma online, póñense a disposición dos cidadáns unha gran variedade de cursos a través da Plataforma de teleformación EMA (Espazo Multimedia de Aprendizaxe).

O único requisito para poder asistir a todas estas actividades gratuítas e programadas nas aulas CeMIT é solicitar praza na localidade de interese, ben directamente na aula CeMIT de cada concello ou a través da web http://cemit.xunta.gal.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer á cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

Aliad@s Dixitais

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación, e implicación dos axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta con máis de 800 aliados dixitais.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM