A Xunta abre ata o 4 de novembro o prazo de solicitude das axudas para a contratación de máis de 250 técnicos de emprego

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia con 3,3M€ aos concellos e ás entidades sen ánimo de lucro para que conten con persoal especializado no impulso á actividade empresarial e na inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión

A Xunta investirá 3,3 millóns de euros no impulso da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia apoiando a contratación e o mantemento de máis de 250 axentes que na actualidade forman esta infraestrutura especializada na promoción do emprego. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria deste ano, que ten como obxectivo contribuír á dinamización e xeración de novas actividades empresariais no ámbito local e rural e á inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. O prazo de solicitude, tanto para os concellos como para as entidades sen ánimo de lucro, remata o próximo 4 de novembro.

O Goberno galego, dunha banda, destina 2,2 millóns para apoiar nos concellos a contratación ou prórroga dos axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL) que colaboran na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial. O traballo destas persoas consiste fundamentalmente en axudar ás empresas a desenvolver os seus proxectos, o que contribúe a impulsar a aposta do Goberno galego por fixar poboación no rural.

A contía máxima dos apoios que se conceden por cada axente é de 27.046 euros anuais. Para a resolución destas axudas tense en conta a media de paro rexistrado no ano 2018 no concello que solicita o apoio.

Outras das funcións que realizan os axentes de emprego son o acompañamento técnico no inicio de proxectos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e o apoio aos promotores das empresas, unha vez constituídas, ademais de ofrecerlles asesoramento técnico durante as primeiras etapas de funcionamento mediante a aplicación de técnicas de consultaría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos para contribuír á boa marcha das compañías creadas.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén dedica 1,1 millóns de euros ás entidades sen ánimo de lucro para apoialas na contratación ou mantemento dos axentes de emprego e unidades de apoio que colaboran na inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. A contía que reciban as asociacións dependerá do número de persoas contratadas e o período.

O impulso da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia forma parte da Axenda 20 coa que o Goberno galego está estimulando a creación de emprego estable e de calidade. O impulso da Rede tamén se enmarca na aposta do Goberno galego polo emprendemento.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM