A Xunta activa un novo servizo para a consulta telemática dos expedientes de aproveitamentos madeireiros públicos

A Xunta activa un novo servizo para a consulta telemática dos expedientes de aproveitamentos madeireiros públicos A nova ferramenta permite que os usuarios conecten os seus propios sistemas á aplicación Corpu -coa que se xestionan as cortas públicas de madeira-, proporcionándolles facilmente toda a información destes expedientes

A Consellería do Medio Rural -a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal- e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de publicar un novo servizo web que permitirá consultar facilmente os datos dos expedientes de aproveitamentos madeireiros que xestiona a administración autonómica. Así, a nova ferramenta posibilita que as empresas e profesionais interesados poidan conectar os seus propios sistemas á aplicación Corpu -coa que se xestionan as cortas públicas de madeira-, para obter automaticamente toda a información dispoñible.

Deste xeito, os usuarios non só evitarán ter que consultar manualmente os datos habilitados en Corpu, co conseguinte aforro de tempo e incremento da seguridade, senón que calquera cambio no estado da tramitación destes expedientes notificaráselles ao instante, evitando así erros ou omisións na tramitación que poidan ter un custo económico para os administrados. Así, tras un sinxelo sistema de alta -basta con cursar unha solicitude á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal- e despois dunha doada adaptación da súa aplicación informática, calquera usuario que o desexe disporá da información pública e tamén daquela restrinxida que lle afecte directamente.

En concreto, a información que se ofrece vai desde os datos principais do expediente (lote, concello, monte, estado do expediente, etc.) ata os datos de contabilidade relacionados (importes de adxudicación, do IVE, etc.), pasando polas diferentes datas, prazo de execución e outras referencias ata un total de 150 parámetros distintos que completan a información dos aproveitamentos máis complexos.

Para as empresas e profesionais interesados, a información técnica deste sistema pode atoparse na Oficina Virtual do Medio Rural, concretamente na seguinte dirección: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/servizos-web-forestais. O servizo web publicouse nas dúas versións máis estendidas (SOAP e REST), para que independentemente do sistema que empregue o usuario poida adaptarse dun xeito sinxelo.

Compromiso da Xunta

Con estes servizos web, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Así mesmo, a iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.

Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM