A Xunta forma aos empregados públicos galegos no uso da administración electrónica

A Escola Galega de Administración Pública convocou un curso superior de 114 horas para abordar a administración dixital desde unha perspectiva técnico-xurídica e cunha importante parte práctica

A Escola Galega de Administración Pública convocou unha nova edición do Curso superior de administración electrónica en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.

Esta actividade ten como finalidade afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica e cunha importante parte práctica, na concepción da administración electrónica, incidindo na relevancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da nosa comunidade. Así, os contidos do programa analizarán desde distintos enfoques a administración dixital para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito.

Este curso superior, que servirá para dar formación a 80 empregados públicos, terá lugar entre o 24 de setembro e o 22 de outubro e será impartido na modalidade semipresencial, con 30 horas presenciais en Santiago de Compostela e 84 en teleformación.

Cómpre destacar que esta actividade é gratuíta e vai dirixida ao persoal empregado público da Administración autonómica e das entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia que pertenzan ao grupos A1 e A2 do persoal funcionario ou aos grupos I e II do persoal laboral. No caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas, as vacantes poderán cubrirse por persoal empregado público da Administración local, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

A presentación de solicitudes estará dispoñible na zona de matrícula da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula) ata o 16 de setembro.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM