Búscanse microrrelatos de ata 134 palabras sobre Rosalía de Castro

O prazo de participación está aberto ata o 23 de febreiro

O día 24 de febreiro celébrase, desde 2010 e a iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Día de Rosalía de Castro, coincidindo co aniversario do seu nacemento. Por segundo ano consecutivo, o campus de Ourense unirase a esta conmemoración desenvolvendo diferentes actividades. Entre elas está a convocatoria dun certame de microrrelatos aberto á participación de toda a comunidade universitaria.

A programación do Día de Rosalía no campus de Ourense está organizada pola Área de Cultura, a biblioteca universitaria e polos docentes da Facultade de Ciencias da Educación Isabel Mociño, Javier Blanco e Xosé Constenla. Recollendo o convite que fai a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega de animar a todo tipo de institucións a participar nesta conmemoración, as persoas implicadas deseñaron un amplo abano de actividades que culminará o día 27 de febreiro coa celebración dunha homenaxe no Edificio de Ferro.

O certame

No Concurso de Microrrelatos Día de Rosalía A túa Rosalía pode participar calquera persoa da comunidade universitaria da Universidade de Vigo. O traballo consistirá nun microrrelato de tema libre que debe iniciarse ou pecharse cun verso dun poema de Rosalía de Castro, valorándose a elección de versos pouco coñecidos desta autora. Os traballos deben ser orixinais e non ter sido premiados en ningún outro concurso, sendo a extensión máxima de 134 palabras, unha por cada ano transcorrido desde o falecemento da escritora.

Os microrrelatos deben estar escritos en lingua galega. Concederase un único premio consistente nun vale de 150 euros para compras en librarías de Ourense, diploma conmemorativo e un agasallo. O xurado pode acordar, en función da calidade dos traballos presentados, asignar accésits que se recoñecerán con diploma conmemorativo e agasallo. O prazo de presentación está aberto ata o 23 de febreiro de 2018.

Máis programación

No marco da celebración do Día de Rosalía, tamén se levará a cabo na Biblioteca Rosalía de Castro do campus a actividade Escribíndolle a Rosalía. Nun mural coa silueta da cara da homenaxeada feito polo artista e profesor da Facultade de Ciencias da Educación Javier Blanco, convidarase ás persoas interesadas a deixar escrito algún verso da escritora, conformando todos eles en conxunto a súa faciana. O mural estará no centro ata o 26 de febreiro e na súa composición poderán participar todas as persoas que o desexen. Tamén na Biblioteca Rosalía de Castro habilitarase unha mostra bibliográfica sobre a escritora galega do 19 de febreiro ao 2 de marzo na que se visibilizarán os fondos dispoñibles dela neste centro.

O acto central de conmemoración do Día de Rosalía terá lugar no campus de Ourense o martes 27 de febreiro. Nel lerase o manifesto desta conmemoración AbrideAFiestra, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; entregaranse os galardóns do certame de microrrelatos; presentarase a exposición Imaxes de Rosalía, realizada por alumnado de Educación Infantil, e visionarase unha peza sobre a elaboración do mural feito na biblioteca. Pechará o acto unha intervención musical de Xosé Constenla, profesora na Facultade de Ciencias da Educación, e unha lectura poética aberta á comunidade universitaria. O acto será ás 12.00 h, na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM