Cambados acolle este xoves unha xornada informativa sobre o servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra

A institución provincial atende este ano, no marco deste servizo, a preto de 600 persoas de 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra leva este xoves, 20 de decembro, ata Cambados unha sesión informativa sobre a teleasistencia domiciliaria, servizo que a institución provincial financia en colaboración con 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes cos que ten asinado un convenio de colaboración. Concretamente, a xornada vaise desenvolver este xoves, a partir das 17:30 horas, no Salón de Congresos e Exposicións José Peña.

As charlas informativas que promove a institución provincial teñen por obxecto dar a coñecer á veciñanza a importancia do servizo para previr situacións de risco. Así, este ano son 25 concellos os que solicitaron que se leven a cabo este tipo de sesións informativas. O ano pasado, a institución provincial organizou dezasete xornadas que permitiron ata duplicar o número de solicitudes mensuais do servizo de teleasistencia. Ademais, estas xornadas permitiron darlle visibilidade ao servizo que, neste ano, está a atender a preto de 600 persoas de 46 concellos da provincia.

A teleasistencia domiciliaria permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida que isto implica. Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, as e os usuarios reciben asistencia inmediata, 24 horas ao día e 365 días ao ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ao problema. Isto é posible grazas a un terminal asociado á liña telefónica, que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa, similar ao sistema de “mans libres” dos teléfonos móbiles.

Así mesmo, a través do centro de atención deste programa préstanse servizos de apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social, xestiónanse axendas para recordar á persoa usuaria datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións e tamén se realizan seguimentos permanentes mediante chamadas telefónicas periódicas. O servizo complétase con visitas regulares ás usuarias e usuarios co obxectivo de acompañar a estas persoas e así minimizar o sentimento de soidade e illamento ao que moitas se ven abocadas e xornadas de convivencia.

O obxectivo fundamental do servizo de teleasistencia é permitir a permanencia das persoas usuarias no seu medio de vida habitual e o contacto permanente co seu entorno socio-familiar, evitando o illamento social, a soidade e asegurando a intervención inmediata ante situacións críticas, o que repercute moi positivamente na calidade de vida destas persoas.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM