Carlos Font: “É lamentable que o grupo popular na deputación escolla defender a Feijóo e non á veciñanza de Cangas”

O PP “esqueceu” que a moción aprobada polo propio pleno cangués reclamaba á Xunta a financiación das pistas de atletismo e presentou outra hoxe esixindo que o faga a Deputación

“É moi sorprendente que o Partido Popular se atreva a desvirtuar a moción que o propio pleno municipal de Cangas aprobou sobre a financiación das pistas de atletismo, e que por enriba aínda non se decate de que o apoio da Deputación para colaborar no coste destas instalacións faise con todos os municipios a través do Plan Concellos que é o gran convenio de colaboración que ten a Deputación cos municipios. E Cangas tamén o ten”. Así se pronunciou hoxe no pleno o voceiro do goberno, Carlos Font, ao fío da moción do PP provincial na que esixía agora á institución a que financiase as pistas do concello do Morrazo.

O deputado expresou a súa “estupefacción” ante “o atrevemento do grupo popular esquecendo que o propio pleno municipal de Cangas aprobara unha moción na que solicitaba esa financiación á Xunta de Galicia e ao Consejo Superior de Deportes, amais da colaboración da Deputación. Agora coa moción que presentan, subliñou Font, o PP provincial xa non cita á Xunta que desaparece da escena”. Por elo, afeoulles “ter a caradura de vir a este pleno a presentar unha moción co mesmo asunto, pero reclamándolle financiación só á Deputación, que por enriba é a única administración que xa dotou ao Concello de Cangas de recursos para executar esta obra”. Font lamentou a actitude partidaria “unha vez máis das deputadas e deputados populares e, por elo, cualificou de “moi triste que o PP escolla defender antes a Feijoo que á súa veciñanza que merece maiores investimentos do goberno galego. Na Xunta, engadiu, levan unha década sen investir un euro en dotacións nos concellos, e cando o fan só se lembran dos que goberna o PP”.

“Amais, sinalou, parece mentira que aínda non coñezan despois de cinco anos que a financiación da Deputación para este tipo de dotacións está asegurada co Plan Concellos”. De feito, o deputado lembrou os moitos concellos da provincia que fixeron instalacións similares coas partidas do plan provincial como a mellora de pavillóns, de pistas polideportivas, ou de campos de fútbol.

Por elo, Font lamentou que os populares rexeitaran a emenda in voce do goberno que propuxo ao PP instar á Xunta a lanzar un plan con recursos suficientes para dotar aos concellos de equipamentos deportivos, “nun momento en que é necesario un maior compromiso das comunidades autónomas en instalacións tan demandadas pola cidadanía”, e que caso de ser necesario, Cangas podería completar cos cartos do Plan Concellos. O deputado recordou que a Deputación financia todas as inversións que deciden os Concellos a través do plan provincial e, polo tanto, calquera municipio dispón da financiación necesaria para executar a actuación que considere máis adecuada, sexa da tipoloxía que sexa.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM