Carmela Silva comprométese a impulsar liñas de colaboración con AEMPE para promover a actividade empresarial na provincia

Estas liñas de colaboración, tal e como avanzou a presidenta, estarán centradas na formación “adaptada ás demandas do século XXI e ligada ás novas tecnoloxías” e na cooperación

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo onte un encontro de traballo coa Xunta Directiva da Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa da provincia de Pontevedra (AEMPE). No transcorrer do encontro, a presidenta amosou a predisposición do goberno da institución provincial para colaborar coa asociación co obxectivo de promover a actividade empresarial na provincia.

Máis polo miúdo, entre as liñas de colaboración acordadas entre a Deputación e AEMPE adiantouse a posta en marcha de actividades de formación dirixidas ás persoas empresarias. “É preciso unha formación adaptada ás demandas do século XXI, ligada á economía e ás novas tecnoloxías”, asegurou Carmela Silva. Neste eido, a presidenta aproveitou para recordar que a través de SmartPeme estanse xa a impulsar actividades de formación e asesoramento individualizado en materia de novas tecnoloxías e márketing dixital.

Ademais, a presidenta da Deputación tamén falou na reunión da importancia da cooperación e dos espazos para impulsar proxectos e iniciativas. Ao respecto, Carmela Silva mencionou os viveiros de Barro e de Lalín, o coworking ou o FabLab, “ferramentas todas elas de interese para lanzar proxectos empresariais e novas ideas de negocio”.

Finalmente, a presidenta provincial comprometeuse con AEMPE a organizar unha nova reunión de traballo co persoal técnico da Deputación para establecer liñas de actuación concretas para a promoción da actividade empresarial na provincia de Pontevedra.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM