Cris Vilariño realizará unha mostra de danza co alumnado do CPI da Cañiza no marco do programa da Deputación “Mulleres en acción. Violencia zero”

A artista comparte dúas xornadas co alumnado do centro para crear unha mostra colaborativa cuxo resultado amosarán mañá martes 28 de xaneiro

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, asistirá este martes na Cañiza á quinta acción desta edición do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en acción. Violencia zero“. A cita terá lugar, ás 10:45 horas, no CPI cunha acción de danza da artista Cris Vilariño, denominada Intermissum, que será participativa coa intervención do alumnado do centro. Intermissum desenvólvese hoxe luns cun obradoiro con preto de 50 alumnas e alumnos no que realizarán xogos corporais a partir dalgunhas premisas que se dan por feito nas relacións entre persoas. Mañá martes realizarase a mostra colaborativa co aprendido no obradoiro e nela desenvolveranse pezas de escenas nas que o corpo será o protagonista.

Cris Vilariño é diplomada en Danza Contemporánea e licenciada en Xornalismo, ademais de ter un pos-grao en Fotoxornalismo. No eido da danza formouse con diferentes mestras e mestres e participou en varias producións como intérprete e creadora. Actualmente colabora coa compañía Licenciada Sotelo. O curso pasado dirixiu a Aula de Danza da Universidade de Ourense e no 2019 o proxecto MASA (Mover as aulas) do Teatro Rosalía de Castro.

“Mulleres en acción. Violencia zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir a 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta quinta edición terá lugar en 25 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove, Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña).

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM