Distribuíu 14.000 composteiros a través do programa de autocompostaxe de Sogama, que xa supera as 350 adhesións

Un total de 199 concellos, 130 centros educativos e 22 colectivos sociais de toda Galicia están adscritos ao proxecto, que pretende promover a reciclaxe da materia orgánica en orixe, con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda repartiu gratuitamente un total de 14.000 composteiros no marco do programa de compostaxe doméstica de Sogama, unha iniciativa que está a ter unha gran acollida como demostran as 351 entidades adheridas na actualidade.

O obxectivo do programa, que nos últimos meses recibiu un pulo importante co reparto de 2.500 novas unidades, é promover na comunidade a reciclaxe da materia orgánica xerada nos fogares, un sistema con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.

Para logralo, Sogama reparte gratuitamente recipientes con capacidade para 390 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil. Os destinatarios destes composteiros domésticos son fundamentalmente concellos (un total de 199 en toda Galicia), ademais de centros educativos (130) e colectivos sociais (22), entre os que se busca promover grazas a esta iniciativa a reciclaxe da materia orgánica en orixe.

Son os propios entes locais os que, no marco dun acordo con Sogama, encárganse de seleccionar ás familias que, voluntariamente, desexan participar no proxecto. O requisito imprescindible é que estas habiten en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de aproveitamento da materia orgánica, que regresa á terra en forma de abono.

Ademais dos medios materiais, a empresa pública imparte cursos de formación presencial a fin de explicar aos veciños o proceso a seguir para obter un compost de alta calidade.

Estas sesións compleméntanse coa dotación de manuais didácticos de apoio e outros recursos divulgativos para que os cidadáns teñan a oportunidade de ampliar os seus coñecementos, consultar dúbidas e tomar nota dos erros máis comúns e de como emendalos.

Programa en expansión

Aínda que empezou a funcionar no ano 2010, o programa de autocompostaxe de Sogama segue crecendo e sumando adhesións. De feito, recentemente incorporáronse ao mesmo oito novos concellos: A Estrada e Lalín, na provincia de Pontevedra; Trazo, Coristanco, Outes, Camariñas, Mesía, Cerceda e Rianxo, na da Coruña; e Muras e Taboada, na de Lugo. Toda a información sobre a iniciativa pode consultarse en www.compostaconsogama.gal.

Cómpre lembrar que arredor do 40% da bolsa negra dos fogares está composta por materia orgánica, de aí a importancia de recoller e tratar de forma axeitada os biorresiduos. Neste sentido, a fabricación de compost a partir de restos orgánicos reporta un triplo beneficio xa que, por un lado, contribúese á mellora do medio ambiente ao reducir as emisións de CO2, por outro conséguese un fertilizante de calidade grazas á recuperación dunha práctica tradicional do rural galego, e por último, tamén se logran reducir os custos dos servizos municipais de recollida do lixo.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM