Firme aposta polo ciclismo BTT coas DepoRutas e a Epic Race

A presidenta presentou as tres DepoRutas que organizará a Deputación en 2018 e a segunda edición da Epic Race, que percorrerá a provincia durante os días 5, 6 e 7 de abril

A Deputación de Pontevedra mantén a súa aposta polo deporte coa organización de tres novas DepoRutas BTT e coa colaboración coa Epic Race, probas presentadas esta mañá por Carmela Silva xunto aos alcaldes e alcaldesas dos concellos que forman parte dos percorridos e as comunidades de montes.

En rolda de prensa, a presidenta da Deputación explicou que “presentamos unhas probas deportivas que ademais de ter que ver co deporte e co ciclismo teñen moito que ver coa calidade de vida, coa saúde e, tamén, con dar a coñecer as marabillas do paraíso no que vivimos”.

Así, por segundo ano consecutivo, a Deputación de Pontevedra organizará as DepoRutas BTT, tres nesta ocasión. Deste xeito, a institución provincial dálle continuidade a unha iniciativa que estreouse con rotundo éxito no 2017, coas probas que tiveron lugar en Sabucedo e no Pontillón do Castro.

En relación ás DepoRutas BTT, Carmela Silva sinalou que “nas dúas probas organizadas en 2017 esgotáronse as 250 prazas ofertadas en menos de 24 horas e por iso este ano quixemos aumentar a nosa oferta cunha ruta máis e incrementando o número de prazas por proba ata ás 300”.

En concreto, estas tres DepoRutas BTT terán lugar en Sabucedo, o 17 de xuño; outra en Caldas de Reis, Portas e Barro, o 2 de setembro, e a última, en Vigo, o 30 de setembro. Igual que aconteceu nas probas organizadas en 2017, as inscricións serán gratuítas e poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos.

A DepoRuta de Sabucedo, cunha distancia de 32 quilómetros, iniciase nun marco espectacular como é o curro da Rapa das Bestas e continuará pola zona norte de Sabucedo alternando treitos de dificultade baixa con outro mais técnicos para, a partir do segundo terzo do percorrido, ir enlazando e cruzando diferentes parroquias do Concello da Estrada, gozando ao seu paso de elementos de enorme valor cultural.

Pola súa banda, a DepoRuta que acollerán Caldas de Reis, Portas e Barro terá un percorrido de 25 quilómetros que arrancará na carballeira de Caldas de Reis para dirixirse ao entorno da fervenza de Segade. A partir deste punto tomarán dirección cara ao parque natural do rio Barosa, achegándose despois ao concello de Barro para acabar regresando ao punto de inicio. Trátase dunha ruta asumible por tratarse dun percorrido bastante plano.

Por último a DepoRuta BTT dos montes de Vigo será a máis longa, con 40 quilómetros. A ruta discorre pola parroquia viguesa de Candeán, aproveitando parte da coñecida ruta da Auga, na que as persoas participantes poderán gozar dunhas magníficas vistas sobre a ría de Vigo. Esta proba, malia ser máis longa, tampouco ten demasiadas complicacións técnicas.

Nestas DepoRutas BTT, a Deputación de Pontevedra porá a disposición de todos os e as participantes a cobertura de seguro de responsabilidade civil e accidentes, servizo sanitario, servizo de asistencia durante o percorrido, dous avituallamentos, servizo de lavado de bicicletas e servizo de vestiarios.

Por outra banda, a Deputación de Pontevedra volverá a apoiar a celebración da Epic Race, que terá lugar os días 5, 6 e 7 de abril. En relación a esta proba, Carmela Silva destacou que “estamos moi orgullosas e orgullosos nesta Deputación de volver a ser o principal patrocinador da Epic Race, xunto aos concellos polos que pasarán os e as deportistas que van a participar nesta ruta tan esixente”.

Ademais, a presidenta da Deputación de Pontevedra engadiu que “esta proba naceu o ano pasado co obxectivo de converterse nun referente e o logrou xa na súa primeira edición, que deixounos unhas imaxes extraordinarias”.

Esta segunda edición da proba pasará polos concellos de Pontevedra, Moraña, Vila de Cruces, Forcarei, Redondela, A Lama e Valença. O paso por Portugal será unha das principais novidades da Epic Race 2018, na que novamente poderase participar de maneira individual ou por equipos.

As persoas participantes enfróntanse a un percorrido de 8 etapas pola provincia, ao longo do día e da noite, desafiando os montes e gozando das paisaxes máis fermosas das Rías Baixas. Todo elo cun límite de 51 horas no que terán que completar os 550 quilómetros que compoñen a proba. Ademais hai unha opción reducida de 280 km e 7.500 metros de desnivel acumulado (Half Epic Race).

O director da proba, Víctor Cimadevila, explicou durante a presentación da Epic Race que “este ano recibimos o dobre de inscricións, 160, o que demostra que estamos a converternos nunha referencia” e resaltou que “esta é unha proba que se caracteriza pola paixón, a emoción e a diversión”.

Para rematar o acto, Carmela Silva recalcou que “un ano máis apostamos por un deporte ligado ao medio ambiente e ao turismo que queremos promover na nosa provincia, un turismo ligado á natureza e á paisaxe. Temos que ser capaces de ofertar moitas actividades ligadas ao deporte e o turismo sostible porque iso é manter o noso territorio en óptimas condicións”.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM