Máis da metade das vivendas da parroquia ponteareá de Arcos, implicadas na compostaxe

Hoxe realizouse a segunda entrega de composteiros individuais entre a veciñanza e agárdase que os efectos na xeración de residuos se noten en pouco tempo

A veciñanza da parroquia de Arcos, no Concello de Ponteareas, está a apostar pola compostaxe. Máis da metade das vivendas da freguesía dispón xa dun composteiro individual no que poder compostar o seu lixo orgánico en lugar de tiralo ao colector verde despois de que hoxe se realizase a entrega do segundo lote de recipientes que a Deputación concedeu ao Concello ao abeiro do Plan Revitaliza.

A proposta do equipo técnico provincial, coa que concordou o Concello de Ponteareas, foi de escoller e focalizar os esforzos para implantar a compostaxe na parroquia de Arcos por ser un núcleo definido, rural e na que se prevé que a instalación de composteiros individuais vai ter efectos na xeración de residuos que se notarán en pouco tempo. O obxectivo é reducir as toneladas de lixo que se recollen nos colectores verdes e, polo tanto, o custo que debe pagar o Concello por enviar eses residuos a queimar a Sogama (transporte e tratamento).

Para poder implantar a compostaxe o persoal técnico da Deputación (mestras e mestres composteiros) fixeron visitas casa por casa, explicando o plan, os beneficios da compostaxe e convidando ás próximas entregas de composteiros.

Nas dúas xornadas de reparto (xoves pasado e hoxe) repartíronse uns 70 composteiros. Nas próximas semanas o persoal técnico visitarán máis vivendas para entregar o material e formar en compostaxe á veciñanza dunhas 20 casas da parroquia, por tratarse de persoas maiores ou sen posibilidade de ir a recoller o composteiro ao local onde se realizou o reparto.

Todo o persoal técnico amosou a súa satisfacción pola boa acollida por parte da veciñanza, xa que sendo voluntaria a participación conseguiuse unha cifra moi alta de familias participantes, xa que terán composteiros máis da metade das vivendas habitadas da parroquia de Arcos.

O Concello de Ponteareas está adherido ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra desde o ano 2016. Conta cun mestre composteiro no cadro de persoal do concello desde novembro de 2018 (gracias a unha subvención da Deputación), e ten instalados dous centros de compostaxe comunitaria no núcleo da vila, un na zona de Perilla (outubro 2016) e outro na zona Feira Vella (xaneiro 2017) onde se levan xestionado preto de 65 toneladas de biorresiduos.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM