Máis de 1300 persoas participan esta fin de semana no programa provincial “En ruta coa Depo” 2019

Veciñas e veciños de 13 concellos percorrerán recursos turísticos de diferentes comarcas da provincia

O programa “En ruta coa Depo” 2019 organiza esta fin de semana 19 novas excursións nas que participarán máis de 1.300 persoas de 13 concellos da provincia. En concreto serán 1.330 veciñas e veciños dos concellos de Agolada, Baiona, Bueu, Cangas, O Grove, Marín, Ponteareas, O Porriño, Redondela, Soutomaior, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vila de Cruces.

Máis polo miúdo o sábado serán 648 as persoas que se moverán por diferentes zonas da provincia de Pontevedra en ata 9 excursións. Deste xeito, 54 persoas da Asociación Xestas de Vigo realizarán o percorrido “Camelias señoriais e ruta das maceiras” que as levará ata o pazo de Lourizán e de Gandarón en Pontevedra e ata o pazo de Oca e a Ruta das Maceiras de Callobre na Estrada. Outras 54 persoas da Asociación de Veciños do Igrexario do Hío a Fontenova de Cangas percorrerán A Guarda e Tui. Ademais, 54 persoas da Asociación veciñal O Tombo percorrerán o castelo de Sobroso, Mondariz-Balneario e o castro de Troña en Ponteareas.

Pola súa banda tamén o sábado 54 persoas da Asociación de MM RR Adro Vello do Grove percorrerán Moaña e Vilaboa, visitando o paseo marítimo, a igrexa de San Martiño, Tirán e as salinas do Ulló. Outras 54 da Asociación de Mulleres Rurais de Toiriz en Vila de Cruces viaxarán ata O Rosal e Tomiño para coñecer a Ruta dos Muíños e a fortaleza de Goián. Serán 108 as persoas da Asociación de Veciños San Roque de Vigo as que viaxen ata O Salnés para facer un percorrido en barco pola ría de Arousa, visitar a Illa de Toxa, o Museo da Salga no Grove e o xacemento da Lanzada.

Dous grupos de 154 persoas da Asociación de Vecinos San Esteban de Cumiar en Ponteareas e da Asociación Amas de Casa Rosais do Porriño realizarán, tamén o sábado, a ruta marítima polas Illas Cíes e outro grupo de 108 persoas da Asociación Tercera Edad Quiñones de León percorrerán Barro, Portas, Valga e Catoira visitando o parque da natureza do río Barosa, o miradoiro do val de Portas, o xacemento de igrexa Vella en Valga e as Torres do Oeste.

O domingo serán 682 as persoas que se moverán por diferentes zonas da provincia de Pontevedra en ata dez excursións. Deste xeito, 108 persoas da Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Baiona e da Asociación Cultural Amigos da Vieira de Bueu coñecerán Barro, Portas, Valga e Catoira visitando o parque da natureza do río Barosa, o miradoiro do val de Portas, o xacemento de igrexa Vella en Valga e as Torres do Oeste.  Outras 54 da Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras de Trabanca Sardiñeira de Vilagarcía de Arousa farán o percorrido “Camelias señoriais e ruta das maceiras” que as levará ata o pazo de Lourizán e de Gandarón en Pontevedra e ata o pazo de Oca e a Ruta das Maceiras de Callobre na Estrada. Ademais 108 integrantes da Asociación San Salvador de Ponteareas farán un percorrido en barco pola ría de Arousa, visitando a Illa de Toxa, o Museo da Salga no Grove e o xacemento da Lanzada.

Finalmente, tamén o domingo un grupo de 412 persoas das asociacións Xeración Nós Borraxeiros de Agolada, Arela de Saxamonde en Redondela, da Asociación Viguesa de Esclerosis Múltiple de Vigo, de Moreira A Tope en Soutomaior, Antorcha de Ponteareas e Xeada de Vilagarcía de Arousa realizarán a ruta marítima polas Illas Cíes.

O programa “En ruta coa Depo” 2019 oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia. En liñas xerais, a través desta iniciativa a Deputación pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM