Máis de 700 persoas participan esta fin de semana no programa da deputación “En ruta coa Depo”

Veciñas e veciños de Mos, Pontevedra, Catoira, Redondela, Poio, Vila de Cruces, Gondomar, Cambados e Vilagarcía percorrerán recursos turísticos da provincia

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana a través do programa “En ruta coa Depo” nove novas excursións nas que participarán máis de 700 persoas de nove concellos da provincia de Pontevedra. En concreto, trátase de 756 veciñas e veciños de Mos, Pontevedra, Catoira, Redondela, Poio, Vila de Cruces, Gondomar, Cambados e Vilagarcía que percorrerán distintos enclaves das comarcas de Pontevedra, Tabeirós-Terra de Montes, O Salnés e O Condado, así como as illas Cíes e San Simón.

Máis polo miúdo, este sábado 31 de agosto terán lugar tres dos itinerarios. O primeiro levará 108 persoas da asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso (Mos) á ruta pola illa de San Simón, o castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e o Museo Meirande de Redondela, mentres que a segunda achegará outras 108 persoas da Asociación de Maiores de Mondariz ao itinerario por Forcarei, con visitas ao mosteiro de Aciveiro neste concello e ao castro de Toiriz, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro e a fervenza do río Toxa no de Silleda. Por outra banda, 108 persoas da Asociación de Amas de Casa Muíños do Vento, de Catoira, farán a ruta de Mondariz-Balneario, con paradas no castelo de Sobroso neste concello e no castro de Troña en Ponteareas.

Para o domingo 1 de setembro están programadas as restantes seis rutas. Así, 108 persoas da Asociación de Nais e Pais de Alumnos Os Muíños, de Redondela, farán a ruta marítima con pícnic polas illas Cíes, previa visita ao barrio mariñeiro do Berbés, en Vigo. Por outra banda, 108 persoas da asociación Mulleres en Igualdade, de Poio, farán a ruta por Forcarei, mentres que 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais de Loño (Vila de Cruces) farán o itinerario de Cambados, que inclúe visitas ao conxunto histórico da localidade, ao Museo Etnográfico e do Viño, ás ruínas de Santa Mariña Dozo, á adega do pazo de Fefiñáns e ao Museo Muíño de Mareas da Seca.

Tamén nesta xornada, 54 persoas da Asociación Cultural San Vicente de Mañufe, de Gondomar, realizarán a ruta temática “Camelias señoriais e Ruta das Maceiras”, na que visitarán o pazo de Lourizán e o de Gandarón, en Pontevedra, e o Pazo de Oca e a Ruta das Maceiras de Callobre, na Estrada.

Os outros dous colectivos participantes de “En ruta coa Depo” este domingo 1 de setembro serán a Asociación Obradoiro Volandeira, de Cambados, e a Asociación Mulleres Rurais Anduriña de Sobradelo, de Vilagarcía. No primeiro caso, 54 persoas desta asociación farán o itinerario da Guarda, con visita ao castro de Santa Trega neste concello e ao conxunto histórico, o monte Aloia e o Alto dos Cubos no concello de Tui.

A través do programa “En ruta coa Depo”, a Deputación pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. O programa pretende tamén dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar as asociacións de recursos para promover o envellecemento activo e promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao contorno. Na edición deste ano, a institución provincial oferta 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM