Mañá ábrese o prazo para solicitar as axudas de transformación e comercialización de produtos agrarios

Estas achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, pretenden fomentar a creación, ampliación e modernización das industrias agroalimentarias galegas

A Consellería do Medio Rural abre mañá o prazo de solicitude das axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, tal e como recolle hoxe a orde que publica o Diario Oficial de Galicia. Esta convocatoria conta cun orzamento de 29,1 millóns de euros que está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

A esta liña de achegas poderán acollerse os empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles e a compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos e os soportes lóxicos. O fin último é crear unha nova industria agroalimentaria ou mellorar as xa existentes.

Ao tratarse de grandes obras, esta liña de axudas ten carácter plurianual. Así, para as anualidades do 2018, o presuposto é de 11,6 millóns, para o 2019 a cantidade é de 14,5 millóns e para 2020 a contía ascende a 3 millóns de euros. De feito, a orde ten por finalidade incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios, sendo o investimento mínimo realizado polo solicitante de 60.000 euros. Non serán auxiliables os investimentos no sector do viño xa que contarán cunha liña de axudas específica financiada con fondos comunitarios a través dos programas de apoio ao sector vitivinícola.

Prazos

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Porén, os que precisen entregar a preceptiva licenza de obras no caso de que a inversión inclúa a construción de novas superficies cubertas ou a ampliación das existentes, así como para a presentación do informe favorable de avaliación ambiental, terán un prazo de ata tres meses para presentar estes documentos.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM