Medio ambiente publica no DOG as normas dos sorteos e da veda de permisos de pesca en coutos para a tempada 2019

O período de presentación de solicitudes empezará mañá e o límite para entregalas remata o 20 de novembro, ás 14.00 horas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se establecen as normas dos sorteos e da veda de permisos de pesca en coutos para a tempada do ano 2019.

O período para a presentación de solicitudes comeza mañá e o límite de entrega rematará o vindeiro 20 de novembro, ás 14:00 horas. Como é habitual, celebraranse dous sorteos por provincia: un para os permisos de salmón e outro para os restantes tipos de permisos de pesca. No seguinte cadro detállase o calendario do proceso, que comeza o 31 de outubro coa presentación de solicitudes e remata ao 20 de decembro co sorteo.

Como na tempada pasada, o sistema permite a renovación on line das licencias de pesca autonómicas autorizadas. Dende a páxina web da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no enlace de renovación de licencias (http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion), os usuarios poderán realizar este trámite sen necesidade de achegarse a unha das oficinas da administración. Durante a tempada pasada de pesca repartíronse un total de 10.206 permisos a pescadores mediante estes sorteos, entre eles 2.962 permisos en coutos de salmón.

Proceso de presentación das solicitudes

As solicitudes deberanse presentarse preferentemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar en soporte papel nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta.

Asemade, os resultados dos sorteos poderán consultarse na páxina web (https://pescafluvial.xunta.gal) e nas oficinas dos servizos provinciais de Conservación da Natureza.

Os interesados deberán consultar nesta páxina o día e o rango horario no que lles corresponderá escoller os permisos; trámite que poderán facer vía telemática ou ben mediante unha chamada aos teléfonos que lles serán indicados durante o desenvolvemento do procedemento.

No prazo de 5 días naturais, contados desde a data da escolla, os permisos seleccionados deberán ser pagados nunha entidade bancaria ou telematicamente. Nos casos nos que non se retiren os permisos persoal nin telematicamente, poderase xustificar o seu pago mediante o envío da copia para a Administración do impreso de liquidación debidamente formalizado por fax ou correo electrónico. Aquelas persoas que no prazo fixado non realicen o pago dos permisos reservados en tempo e forma, entenderase que renuncian á súa participación na fase de escolla de permisos, e terán bloqueados novos accesos á aplicación informática de venda de permisos durante o resto da tempada de pesca, agás circunstancias de forza maior documentalmente acreditadas.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM