Medio Rural achega 4,25 millóns de euros para fomentar a transformación e elaboración dos produtos vitícolas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas deste ano, que aumenta o seu orzamento máis dun 13%

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para investimentos que permitan a elaboración e comercialización de produtos vitícolas para o período 2019-2023, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). Estas subvencións aumentan este ano o seu orzamento máis dun 13%, chegando aos 4,25 millóns de euros a investir en dous anos.

Poden solicitar as achegas tanto empresas vitivinícolas como organizacións e asociacións de produtores e organizacións interprofesionais. O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá e estará aberto ata o 31 de xaneiro.

A través desta orde subvencionarase a construción, adquisición ou mellora de bens inmobles e a compra de maquinaria e novos equipamentos. Tamén se financia a adquisición ou desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador, de patentes, licenzas, dereitos de autor e o rexistro de marcas colectivas, así como os gastos relacionados con honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores e os estudos de viabilidade.

Deste xeito, preténdese fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante e a sustentabilidade económica e social integral das industrias. Búscase así mesmo, incrementar a dimensión empresarial das empresas e a participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor. As achegas tamén teñen por obxecto a incentivar a sustentabilidade dende o punto de vista medioambiental co aforro de enerxía, a aposta polas renovables e a valorización e tratamento dos residuos, co fin de impulsar a certificación medioambiental das instalacións.

Outra finalidade desta orde é fomentar a produción ecolóxica e facilitar a introdución das tecnoloxías dixitais nas empresas, polo que se valorarán todos estes obxectivos estratéxicos á hora de resolver as axudas por concorrencia competitiva.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM