O AECT Rio Minho reúnese coa secretaria de Estado de Portugal para a valorización do interior para reforzar a vontade de aplicar o ITI transfronteiriço

O presidente Uxío Benítez destacou no encontro a importancia de utilizar o instrumento de xestión e garantir o aproveitamento dos fondos comunitarios

Ante o proceso de planificación estratéxica para o Rio Minho Transfronteiriço 2030, a AECT Rio Minho reuniuse coa secretaria de Estado de Valorización Interior de Portugal, Isabel Ferreira. A reunión, que tivo lugar en Vila Nova de Cerveira e contou coa presenza do director da AECT, Uxío Benítez, o subdirector e tamén alcalde de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, serviu para presentar os obxectivos e prioridades da agrupación territorial, incluída a vontade de implementar un Investimento Territorial Integrado (ITI) transfronteiriço no marco da política de cohesión da UE.

Repasando o camiño emprendido, a nivel de accións, actividades e proxectos, o director da AECT de Rio Minho, Uxío Benítez, destacou que, na lóxica do desenvolvemento integrado, “é esencial que para o período 2021-2027, os territorios transfronteirizos poidan aplicar a figura do Investimento Territorial Integrado (ITI) promovendo accións artelladas no seguinte período de programación de fondos comunitarios e non limitándose só á verticalidade da aplicación da posible nova xeración do programa INTERREG”.

Segundo indicou Benítez, o Investimento Territorial Integrado (ITI) é un instrumento de xestión que permitirá optimizar e integrar fondos europeos garantindo o seu máximo aproveitamento. Para a súa implementación, lembrou o presidente do AECT, é necesario contar cunha serie de requisitos que o agrupamento cumpre perfectamente, xa que “ademais de contar cunha situación xeoestratéxica e un enorme potencial de desenvolvemento económico do territorio, temos un documento estratéxico e unha folla de ruta co que queremos facer de aquí ao 2030”.

“A creación dunha ITI para o territorio transfronteirizo durante o próximo marco comunitario dos Fondos Europeos encaixa perfectamente co noso proxecto”, insistiu Benítez, quen manifestou a importancia de que exista unha alianza estratéxica cos estados, porque estes teñen a decisión final sobre a súa aplicación, “pero tamén co resto de administracións rexionais e locais”, polo que instou a todas elas a comprometerse con este proxecto “xa que aí está a clave”.

Pola súa parte, a secretaria de Estado de Valoración do Interior, Isabel Ferreira, salientou a importancia que supón para o Goberno portugués a cooperación transfronteiriza, concretamente a través da creación do Ministerio de Cohesión nesta lexislatura, e manifestou a súa disposición a colaborar e apoiar a AECT Rio Minho. Asegurou que ten en conta o papel que as AECT poden xogar como instrumentos privilexiados de cooperación no proceso de programación para o próximo período de fondos comunitarios 2021-2027.

Desde a súa recente constitución, o AECT Rio Minho colabora en tres proxectos cofinanciados polo Programa Interreg V A dirixidos a promover o patrimonio cultural e natural transfronteirizo; á articulación do espazo común e o aumento da cohesión institucional no seu territorio; á promoción do territorio da AECT de Rio Minho no exterior para potenciar os recursos endóxenos; e á creación e consolidación da marca turística transfronteiriza Rio Minho.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM