O AECT Rio Minho visita o municipio portugués de Águeda para coñecer o seu sistema de alugueiro de bicicletas eléctricas

O agrupamento europeo valora implementar un equipamento similar no territorio do Río Miño Transfronteirizo que fomente a mobilidade alternativa

O secretariado técnico do AECT Rio Minho desprazouse ata o municipio portugués de Águeda para coñecer sobre o terreo o proxecto de mobilidade sostible que desenvolve a cámara lusa, unha das pioneiras na instalación de bicicletas de alugueiro eléctricas. Con esta visita, e a anterior realizada á Puebla de Sanabria (Zamora) o pasado mes de maio, o equipo do AECT Rio Minho está a estudar a xestión e o impacto deste tipo de iniciativas coa idea de implementalas no territorio do Río Miño Transfronteirizo a través do proxecto Smart Minho.

Precisamente, unha das accións recollidas dentro do proxecto de cooperación institucional Smart Minho (cofinanciado ao 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), do que son socios a Deputación de Pontevedra, o CIM Alto Minho, o AECT Rio Minho e a Fundación CEER, é a posta en marcha de experiencias de mobilidade suave entre ambas as beiras do río de cara a incrementar a mobilidade local transfronteiriza, especialmente a alternativa.

Por outra banda, tamén a través de Smart Minho, estase a traballar nun Plan de mobilidade sustentable para o Río Miño Transfronteirizo que favoreza os desprazamentos de persoas e vehículos na fronteira galego-portuguesa, prestando especial atención aos fluxos entre os polos urbanos das eurocidades, nos que se concentran máis de 100.000 habitantes. Durante estes meses púxose en marcha unha enquisa de participación cidadá e tiveron lugar varios encontros con axentes sociais. Ademais, en setembro o AECT manterá sesións de traballo con alcaldías e sectores da mobilidade coa participación de expertas e expertos europeos neste asunto.

Así mesmo, o AECT Rio Minho está a desenvolver o proxecto Boosting Minho River Cross-Border Mobility, financiado pola iniciativa europea B-Solutions, para analizar os problemas de índole legal e administrativa que lle afectan á mobilidade transfronteiriza no ámbito do río Miño.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM