O Plan de Promoción do Talento Dixital desenvolverá máis dunha trintena de actuacións en 2019

DigiTalent porá en marcha novas iniciativas para reforzar a imaxe dos profesionais vinculados ás TI, dinámicas de inmersión tecnolóxica e eventos para potenciar o talento en torno ás novas tendencias dixitais

O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, estreará tres iniciativas en 2019 con accións divulgativas para reforzar a imaxe dos profesionais vinculados ás TIC, dinámicas de inmersión tecnolóxica e eventos para potenciar o talento en torno ás novas tendencias dixitais. En total o Plan sumará ata 33 actuacións, das cales 12 son lideradas integramente por empresas.

Entre as novidades de 2019 está a iniciativa do Grupo Kiom a través das súas empresas Sivsa e Coremain que organizará talleres de ideas combinados con demos e actividades lúdicas nas súas instalacións, que permitirán a estudantes de 7-16 anos achegarse a proxectos relacionados con ámbitos como o sanitario, o coche conectado ou os drons.

Televés porá en circulación unha unidade móbil equipada con material de telecomunicacións e robots deseñados e fabricados pola empresa, coa que visitará distintos centros educativos galegos para que alumnos e alumnas de secundaria e bacharelato se familiaricen coas novas tecnoloxías, que se complementará con visitas á fábrica.

Ademais, o Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) de DXC Technology organizará no mes de febreiro o Hackaton Big Data & Analytics, en colaboración coa Amtega e Meteogalicia. Un evento orientado a unir a un equipo de analistas, universitarios, emprendedores e todo tipo de persoas con inquietudes tecnolóxicas en Analytics & Big Data que competirán durante dous días co fin de elaborar unha solución tecnolóxica que dea resposta a un reto que se lanzará en xaneiro. O CEIN tamén ofrece asesoramento especializado a titulados universitarios a través do seu programa“Observatorio Tecnolóxico DXC”, desenvolvido conxuntamente coa Universidade de Santiago de Compostela.

Espertar as vocacións TIC desde idades temperás

Tras o éxito do programa Tecnólogo por un día, con máis cun cento de solicitudes. En febreiro do vindeiro ano abrirase o prazo para que estudantes de 12-17 anos poidan a experimentar en primeira persoa un día de traballo no marco das profesións dixitais. prazo para inscribirse na segunda edición deste programa abrirase no mes de febreiro.

En decembro completáronse as prazas da primeira edición da iniciativa GenTech, impulsada por Altia, que levará a partir de xaneiro unha serie de talleres aos centros educativos nos que se presentarán proxectos de base tecnolóxica para dar a coñecer as profesións dixitais a estudantes de bacharelato.

Tamén a partir de xaneiro Iecisa desenvolverá DixiXogo, unha serie de actividades e talleres lúdico-formativos nas que os nenos e nenas de 6-14 anos adquirirán habilidades dixitais a través do xogo, e os centros educativos poderán inscribirse en DXC Codes, a fase local dunha competición internacional de programación de xogos en linguaxe Scratch, organizada por DXC Technology e dirixida a nenos e nenas de toda Galicia de entre 10-14 anos.

Desenvolvemento do talento dixital en Galicia

DigiTalent é un plan integral que combina distintas medidas para todo o ciclo vital: a infancia, con medidas para impulsar as vocacións STEM; a xuventude, con actuacións para facilitar a adaptación aos novos perfís dixitais; e a madurez, facilitando a perfís directivos formación, sensiblización e iniciativas para impulsar o emprendemento e a xeración de ideas innovadoras.

O Plan formúlase como unha iniciativa aberta con achegas da propia Administración autonómica e dos axentes do ecosistema dixital, entre os que están as empresas que en 2013 se adheriron ao Pacto Dixital da Xunta para impulsar o crecemento tecnolóxico da Comunidade.

O catálogo de actuacións DigiTalent arrincaba a principios deste curso coincidindo co lanzamento do espazo web https://amtega.xunta.gal/digitalent no que se poden consultar os detalles de todas as actividades así como as instrucións para participar nas mesmas. No seu conxunto, agrega xa un total de 33 iniciativas.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM