O programa “DEPORUARTE” da Deputación pechou 2020 con novos compromisos da mocidade coa sustentabilidade e coa axenda 2030

Nas cinco edicións do programa de arte urbano xa participaron más de 2.100 escolares de centros educativos da provincia

A Deputación de Pontevedra ven de pechar a V edición do programa DepoRúARTE, o programa de arte urbano que a institución desenvolve cos centros educativos da provincia, coa finalidade de levar a cabo actividades coas que reforzar a conciencia pública do colectivo xuvenil e que cada edición involucra a centos de estudantes.

O ano 2020 non foi unha excepción. Malia os efectos da pandemia, o número de alumnas e alumnos que participaron na creación dos murais nos seus centros escolares non baixou e, un ano máis, se implicaron na escolla do lema, que no 2020 foi “Polo clima, pensando no 2030”, no proceso de selección da temática, e na creación da acción. De feito, xa son 2.128 os mozos e as mozas que participaron nestas cinco edicións do programa provincial.

Baixo a premisa centrada na sustentabilidade ambiental, a edición 2020 de DepoRúARTE contou coa participación dos centros de educación secundaria IES Ramón María Aller Ulloa (Lalín), IES A Paralaia (Moaña), IES Ribeira do Louro (Porriño), IES Val do Tea (Ponteareas), IES Castro Alobre (Vilagarcía) e do Centro Infantil Príncipe Felipe (Pontevedra), que traballaron nalgún dos 5 eixos temáticos que engloban o programa e que se corresponderon con 5 dos ODS da Axenda 2030: Enerxía alcanzable e non contaminante, Produción e consumo responsables, Acción polo Clima, Vida Submarina e Vida de Ecosistemas Terrestres. En concreto, o IES Ramón María Aller Ulloa, o IES A Paralaia e o Centro Príncipe Felipe centráronse na produción e consumo responsables baixo os lemas “Coidemos o noso”, “Pensa en ti, pensa no Planeta” e “Emerxencia climática: é cousa de tod@s. Planeta Príncipe”. Pola súa banda, e o IES Val do Tea e o IES Ribeira do Louro, focalizáronse na acción polo clima con dúas accións, que titularon “Esgótase o tempo. Paremos xuntos o cambio climático” e “Acción polo clima”. E, finalmente, “Somos auga”, o lema co que acuñou a súa creación baseada na vida submarina o IES Castro Alobre.

O programa supuxo un espazo de encontro e sensibilización sobre os problemas relativos ao cambio climático e ás vulnerabilidades que este desencadea. Desta maneira, incidiuse na necesidade de comezar unha transición ecolóxica centrada na sustentabilidade ambiental coa que garantir unha xestión eficiente do capital natural do que dispoñemos.

Durante os vindeiros meses dará comezo á VI edición de DepoRuarte, que versará sobre a mesma temática e representará, unha vez máis, o compromiso da Deputación coa Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que a protagonizan.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM