O Sexto Edificio abrése este sábado a outras disciplinas artísticas para celebrar o Día Internacional dos Museos

Unha intervención de danza, teatro e música marcará a programación, que incluirá visitas guiadas especiais e a ampliación do horario ata medianoite

‘A consagración da primavera’ é o título da intervención que unha trintena de estudantes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) presentará o sábado no Museo de Pontevedra, unha proposta que pretende amosar un traballo de integración de danza-teatro-música a partir da xa mítica coreografía creada pola bailarina e coreógrafa alemá Pina Bausch no ano 1975 para a Wuppertal Opera Ballet, que máis tarde rebautizaría como o Tanztheater Wuppertal.

Esta iniciativa, prevista para as 19.00 e as 21.30 horas, constitúe un dos actos programados con motivo do Día Internacional dos Museos, e complementarase con visitas guiadas especiais ás coleccións dos edificios Sarmiento e Sexto (ás 11.00, ás 12.00, ás 17.00 e ás 18.00 horas) sen necesidade de inscrición previa. Ademais, co gaio desa xornada conmemorativa, o Museo de Pontevedra permanecerá aberto ata medianoite.

A proposta da ESAD de Galicia, baseada na coreografía de Pina Baush e adaptada para estudantes de interpretación, achégase aos preceptos da danza-teatro, aínda que respecta as dúas partes nas que se basea a partitura musical e a coreografía: ‘A adoración da terra’, que se representará na primeira planta do museo, mentres que ‘O sacrificio’ escenificarase no hall de entrada ao museo.

A posta en escena de ‘A consagración da primavera’ é un proxecto de carácter pedagóxico a cargo dos docentes David Mortol Moreno (escenografía) e Ángeles Gayoso Diz  (danza para actrices e actores), que integra as especialidades de Interpretación e Escenografía, coa participación tamén dunha alumna de cuarto curso de Dirección Escénica.

A intención é amosar o traballo de Pina Bausch, unha das creadoras máis influentes da escena contemporánea europea do século XX, e que tivo en ‘A consagración da primavera’ un dos fitos da súa revolucionaria carreira de éxitos internacionais dentro da danza-teatro. A orixe da peza é a composición musical homónima de  Ígor Stravinski  do ano 1913.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM