Positivismo, alegría e cor marcan os debuxos das nenas e nenos da provincia no concurso “O que ves desde a túa xanela”

Carlos Castro (6 anos), Martina Contreras (11), Manuel Lemos (13) e Adriana Eugenio Rivas (13) gañan o certame da Deputación de Pontevedra nas súas respectivas categorías

O concurso de debuxo infantil en liña “O que ves desde a túa xanela“, convocado pola Deputación de Pontevedra nos días do confinamento, xa ten dúas gañadoras e dous gañadores. O xurado do certame –co que a institución animou ás rapazas e rapaces da provincia a debuxar as paisaxes que viron desde as súas fiestras ou balcóns durante o illamento, así como aqueles lugares da provincia aos que lles gustaría volver– elixiu hoxe os traballos vencedores nas tres categorías do concurso. Neste senso, o tribunal destacou a calidade e variedade dos debuxos presentados e que todos “transmitían positivismo, alegría e cor”, feito que fixo moi difícil a elección final, na que se valorou especialmente a orixinalidade e calidade.

Na primeira categoría, de 3 a 6 anos de idade, o gañador foi Carlos Castro García, de seis anos e do concello de Redondela, pola súa obra “A nosa ría o meu fogar”, na que amosou “a súa creatividade, expresividade e colorido”. O xurado valorou que é un debuxo moi ben executado tendo en conta a súa idade , ao que incorporou diversos elementos característicos das Rías Baixas. Carlos recibirá como premio unha visita guiada polo castelo de Soutomaior e poderá participar no xogo Detectives no Castelo, en compañía da súa familia.

Na segunda categoría, de 7 a 11 anos, resultou premiada Martina Contreras Lorenzo, de 11 anos e veciña de Vigo, da que o xurado destacou o nivel de detalle do seu debuxo, no que empregou diversas técnicas (acuarelas e outras), o realismo da perspectiva e o nivel de detalle. O seu premio será unha visita guiada polo castelo de Soutomaior coa súa familia.

E, por último, o excelente nivel dos traballos da terceira categoría (de 12 a 14 anos) motivou que o tribunal decidise como máis xusta a selección de dous premiados, que poderán gozar xunto á súa familia dunha experiencia pola Ruta do Viño Rías Baixas. Trátase de Manuel Lemos Peixoto, de 13 anos e de Nigrán, que reproduciu con realismo o que ve desde a súa fiestra e do que o xurado destacou “o nivel de detalle, con gran calidade de trazo e proporcionalidade da perspectiva”. E Adriana Eugenio Rivas, tamén de 13 anos e do concello de Soutomaior, por un debuxo no que amosou a súa destreza na técnica da acuarela. O tribunal destacou “a beleza dos trazos e o seu realismo”.

O certame “O que ves desde a túa xanela” deu continuidade ao convocado o pasado ano pola Deputación de Pontevedra, “Descubre a túa provincia”, unha iniciativa que permitiu que as nenas e nenos participantes amosaran a través das súas obras lugares emblemáticos do noso contorno e a súa riqueza turística. A novidade foi, ademais da temática, que este ano a participación foi en liña, debido á situación derivada da COVID-19.

Os debuxos gañadores expoñeranse nunha galería na páxina web da institución provincial (www.depo.gal), xunto a outros traballos seleccionados.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM