Preto de 950 persoas participarán en cinco oposicións para cubrir 31 prazas nas escalas de enxeñeiros, enxeñeiros técnicos e subinspección urbanística

Estes procesos selectivos permitirán cubrir postos de persoal de alta cualificación

Un total de 943 persoas participarán en cinco oposicións para cubrir 31 prazas de persoal de alta cualificación en escalas de enxeñeiros, enxeñeiros técnicos e subinspección urbanística, segundo as listas de admitidos e excluídos publicadas esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O DOG recolle as cinco resolucións da Dirección Xeral da Función Pública polas que se aproban e se fan públicas as listas definitivas de admitidos e excluídos para o ingreso no subgrupo A1, escala de enxeñeiros, nas especialidades de enxeñería agronómica e de enxeñería de camiños, canais e portos. En canto ao subgrupo A2, publícanse as da escala de enxeñeiros/as técnicos/as, nas especialidades de enxeñería técnica agrícola e de enxeñería técnica de obras públicas; e á escala de subinspección urbanística.

As convocatorias destes procesos selectivos publicáronse no DOG do sete de marzo de 2018. Na escala de enxeñeiros -especialidade de enxeñaría agronómica- convocáronse seis prazas, con 143 persoas admitidas e 2 excluídas e para a especialidade de enxeñería de camiños, canais e portos hai nove prazas con 204 aspirantes admitidos e seis excluídos.

Por outra banda, para a escala de enxeñeiros técnicos na especialidade de enxeñería técnica agrícola convocáronse oito prazas con 354 admitidos e cinco excluídos; na especialidade de enxeñería técnica de obras públicas convocáronse cinco prazas con 126 persoas admitidas e sete excluídas; e finalmente na escala de subinspección urbanística convocáronse tres prazas con 116 aspirantes admitidos e dous excluídos.

Estas oposicións permitirán reforzar eidos relacionados coas obras públicas ou o control do urbanismo e o solo. Entre as súas funcións destacan a inspección e vixilancia das edificacións, do uso do solo ou das infraccións urbanísticas; a análise e elaboración de proxectos técnicos, a emisión de informes ou a dirección de obras.

A relación de persoas admitidas destes procesos pódense consultar no portal web funcionpublica.xunta.gal, mentres que as relacións de persoas excluídas, con indicación da causa de exclusión, pódense consultar no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM