Publicadas as axudas para os traballadores que se acollan á redución de xornada para o coidado de crianzas

O prazo de solicitude permanecerá aberto até o vindeiro 1 de xullo

No DOG deste 31 de maio saen publicadas as bases das axudas económicas para os traballadores e familias monoparentais (homes ou mulleres) que se acolleran a unha redución de xornada para o coidado das crianzas. Estas axudas teñen como obxecto a conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas, homes ou familias monoparentais (homes ou mulleres) que, entre o 1 de xuño de 2017 e o 30 de xuño de 2018 inclusive, tivesen unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas menores de tres anos (ou menores de 12 anos no suposto de que padezan unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33%).

No suposto de adopción ou de acollemento familiar, para ter dereito a axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou adopción e, en todo caso, a filla ou fillo terá que ser menor de 12 anos.

O prazo para solicitar as axudas remata o 1 de xullo de 2018.

Requisitos e condicións

Entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións:

a) estar empadroado en Galiza, polo menos cun ano de antelación ao inicio do período subvencionado;
b) convivir coa filla ou fillo;
c) de ser o caso, a persoa cónxuxe ou parella debe estar traballando;
d) ter uns ingresos non superiores a 5,5 veces o IPREM segundo a declaración do IRPF do último período impositivo con prazo de presentación vencido (2016).

Contía das axudas

A contía das axudas establécese en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, e en atención ao número de fillas e fillos menores de 12 anos, nun abano que vai desde 1.700 € e ata 3.700 €. Cando a xornada se realice a tempo parcial, ou cando o período subvencionábel sexa inferior ao máximo (8 meses), as contías das axudas reduciranse proporcionalmente.

Podes consultar a orde completa das axudas nesta ligazón ou no arquivo que se achega con esta nova

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM