A Deputación de Pontevedra inviste 150.000 euros no Concello de Moaña para a reforma do parque infantil de San Bartolomeu

A Xunta de Goberno deulles o visto e prace ás últimas modificacións introducidas polo Concello e facilitou así a licitación do proxecto

O Concello de Moaña ten vía libre para continuar coa licitación das obras de reforma do parque infantil de San Bartolomeu. A Deputación de Pontevedra, que financia integramente os 150.000 euros desta actuación a través do Plan Concellos, aprobou en Xunta de Goberno a modificación solicitada polo concello para optimizar materiais de superficie utilizados neste espazo de lecer.

As obras, que abranguen 2.500 m2, consisten na reforma integral do parque, con reparación e subministro de todos os elementos de xogo, así como o acondicionamento das superficies con caucho e céspede artificial para o amortecemento dos impactos. Tamén se deseñaron camiños de comunicación entre as diferentes zonas de xogos.

O espazo infantil pasará a dispor dunha montaña central de xogos equipada cun túnel de aceiro inoxidable e un equipo combinado en madeira composto de tres torres con oito plataformas a distintas alturas, tobogáns de 2,40 e 1,40 metros, pasarelas, pontes e cordas de equilibrios. Ademais, disporá de tirolesa con vigas metálicas e plataforma a 0,80 metros, dous pórticos de randeeiras con asentos planos e tipo berce e, finalmente, un trampolín de saltos.

As obras comezarán co desmonte das instalacións de madeira actuais e seguirán co acondicionamento dos areeiros e a instalación de soleiras independentes de formigón, superficies de amortecemento de impactos con lastras de caucho e céspede artificial, camiños interiores en xabre compactado e un bordo perimetral de formigón. Todo o conxunto quedará pechado con 106 metros de novo valado de madeira.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM