A Deputación de Pontevedra leva a reflexión filosófica sobre a violencia machista a Lalín no marco de “Mulleres en acción.Violencia zero”

“Sofía”, a acción artística ideada por Marta Pérez, contou coa participación da deputada Digna Rivas, do alcalde Rafael Cuiña, de alumnado do IES Laxeiro e persoas da Asociación Morea

As reflexións sobre as violencias machistas dende unha perspectiva filosófica foron este mediodía as protagonistas da nova intervención artística do programa “Mulleres en Acción: Violencia Zero“, iniciativa impulsada por cuarto ano consecutivo pola Deputación de Pontevedra a través do Servizo de Igualdade. A actriz e creadora escénica Marta Pérez encargouse de desenvolver a peza “Sofía”, un diálogo filosófico sobre a violencia machista, que se desenvolveu no Vestíbulo do Concello de Lalín.

No acto participaron a deputada provincial Digna Rivas; o alcalde de Lalín Rafael Cuíña; profesorado e estudantes do IES Laxeiro; así como persoas da Asociación Morea e público en xeral. Na súa intervención, a deputada Digna Rivas apelou á necesidade, “hoxe máis que nunca, de tomar conciencia da problemática das violencias machistas”, e dirixíndose especialmente á rapazada, lembroulles que “vós, mozas e mozos, tedes que ser protagonistas na fin das violencias contra as mulleres”.

“Sofía” trátase dunha micro peza unipersoal feita ad hoc dun espectáculo maior chamado “Sofía e as Postocráticas”. Dende unha perspectiva filosófica, Marta Pérez puxo en escena unha intervención que versou sobre a violencia machista, empregando sobre todo ideas da filosofía grega para establecer que é e que non é violencia machista. A creadora protagonizou un diálogo no que reflexionou sobre casos como o da Manada, o silencio como resposta ou o chamado victim blaming (culpabilización da vítima). A artista mantivo un activo coloquio co alumnado do Laxeiro que estivo no acto, reflexionando sobre cuestións de igualdade e violencias machistas.

Este ano 2019 “Mulleres en Acción. Violencia Zero” volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta cuarta edición comezou en novembro de 2018 e novamente se celebra en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Ponteareas, Salceda de Caselas, Vilaboa, Mos, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Lalín, O Grove, Silleda, Tomiño, Poio, As Neves, Illa de Arousa, Baiona, Cangas, A Guarda, Forcarei, Gondomar, Cuntis, Meis e Nigrán).

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM