A humanización de Arcebispo Lago harmonizarase coas rúas da contorna

O Goberno local de Vilagarcía continúa co desenvolvemento do plan de peonalización e humanización co obxecto de continuar co proceso de modernización e adaptación da cidade ás necesidades do século XXI. A seguinte actuación a levar a cabo será a humanización da Rúa Arcebispo Lago, cuxo deseño a Xunta Local de Goberno ten previsto adxudicar o luns ao arquitecto Mariano Vázquez, autor da peonalización da Praza de Galicia. Precisamente, unha das principais directrices apuntadas polo goberno para a obra de Arcebispo Lago é que deberá harmonizar e dar solución de continuidade ás rúas da contorna previamente peonalizadas, así como prever ás que lle seguirán no futuro.

A efectos prácticos a rúa Arcebispo Lago está peonalizada dende que se levantou o confinamento. Aínda que o goberno local xa tiña previsto continuar eliminando o tráfico rodado do centro da cidade seguindo polas rúas contiguas á Praza de Galicia, a medida en Arcebispo Lago adiantouse debido á necesidade imposta pola pandemia de habilitar novos espazos públicos que permitisen o esparexemento da poboación e transitar respectando a necesaria distancia de seguridade para previr o contaxio da covid. Ademais, coa conversión de Alejandro Cerecedo e Alexandre Bóveda en rúas con dúas direccións de circulación para os vehículos, a peonalización de Arcebispo Lago non supuxo ningún problema. Transcorridos varios meses co tráfico cortado, e coa cidadanía xa habituada ao cambio, agora levaranse a cabo os correspondentes traballos de humanización para adaptar a rúa ao peón e para cambiar por completo a súa imaxe.

Como xa se apuntou, un dos criterios apuntados polo goberno para o proxecto é que a proposta harmonice coas humanizacións xa realizadas na contorna. Neste punto, a elección de Mariano Vázquez supón unha avantaxa posto ao ser o autor da obra da Praza de Galicia xa ten coñecemento previo desta actuación e das fases anteriores que tivo que estudar antes de realizar ese proxecto, coñecemento referido tanto á estética e materiais utilizados como ao relativo ao trazado das redes de servizos básicos e doutras características do terro sobre o que se actuará.

As restantes directrices que marca o goberno e que se deberán respectar no deseño para Arcebispo Lago son actualizar a imaxe da rúa, adaptándoa ao uso e goce dos peóns e baixo criterios de accesibilidade. Ao tratarse dunha zona facilmente inundable por situarse moi próxima a terreos gañados ao mar e cun regato que discorre soterrado, deberán preverse un sistema de recollida de pluviais ben dimensionado e que reduza o risco de anegamento. De igual xeito, o proxecto contemplará a renovación das redes de saneamento e abastecemento de auga e canalización de servizos. E xa en superficie, débese gardar a estética, utilizando materiais resistentes e que requiran pouco mantemento, e cun deseño agradable con elementos vexetais e zonas verdes.

Maila que a rúa está pensada e deseñada para o uso peonil, dentro das directrices marcadas tamén se inclúe que o proxecto deberá prever o paso de vehículos de emerxencia, acceso a garaxes, zonas de carga e carga para establecementos comerciais e hostaleiros e tamén garantir o acceso de autobuses turísticos ao hotel.

A actuación a proxectar inclúe toda a rúa Arcebispo Lago, dende o cruce con Alexandre Bóveda ata a confluencia coa Praza de Galicia e a rúa Conde Vallellano, sumando unha superficie total afectada de 2.400 metros cadrados. A redacción do proxecto básico e de execución adxudicarase por importe de 17.908 euros e o arquitecto disporá dun prazo de tres meses para entregar o traballo.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM