A Inspección confirma que a reincorporación do persoal dos centros educativos non cumpriu coas obrigas legais

Advirte da necesidade de xustificar as recomendacións das autoridades sanitarias e de respectar a representación sindical

A Inspección de Traballo vén de confirmar que a incorporación do persoal aos centros educativos o pasado 11 de maio non cumpriu coas obrigas legais. A autoridade laboral asumiu a proposta de requirimento achegada pola CIG-Ensino e advirte da necesidade de xustificar as recomendacións das autoridades sanitarias e de respectar a representación legal dos traballadores/as.

O pasado 11 de maio a Consellaría obrigou a integrantes dos equipos directivos e a persoal non docente a incorporarse aos centros educativos para tarefas de hixiene e de trámites administrativos, coa reapertura do proceso de admisión nos centros para o curso 2020/21.

A CIG-Ensino amosouse contraria á esa reincorporación ao non se garantir “claras garantías sanitarias” e denunciou á Consellaría de Educación perante a Inspección de Traballo porque a reincorporación naquela altura non foi negociada, como era preceptivo, coa representación sindical, porque as “recomendacións” publicadas non tiñan carácter normativo nin soporte legal ningún e porque, desde o punto de vista do sindicato, dificultaban a xestión das posíbeis dispensas do persoal, ao forzar a burocracia e obrigar a se incorporar ao posto de traballo.

Agora, 11 días despois, a Inspección confirma a denuncia da CIG-Ensino, informando de que xa o propio día 12 de maio remitiulle unha dilixencia á Consellaría para que nun prazo de 48 horas acreditase se estaba a cumprir coas obrigas legais. A Consellaría deu resposta á Inspección con data do 15 de , cun “pequeno informe e un documento xenérico relativo ás recomendacións sanitarias”.

A Inspección de Traballo afirma agora que “non resulta acreditado o cumprimento das obrigas nesta materia [seguridade e saúde laboral] polo que se procede á práctica de proposta de requirimento para o cumprimento dos dereitos de información da RLT [representación legal dos traballadores/as] e de advertencia de xustificar a adopción das recomendacións emanadas das autoridades sanitarias.

Actitude vixilante

Por tanto, foi esta actuación de denuncia da CIG a que moveu á Consellaría a mudar a súa actuación e negociar a reincorporación do profesorado a partir do 25 de maio. Con independencia do desacordo e a crítica contundente que nos merecen as instrucións e o protocolo e do que xa dimos cumprida resposta na Mesa Sectorial do pasado día 20 e no Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral (CISSL) que se celebra hoxe venres, desde o sindicato chamamos a atención sobre un comportamento claramente improcedente da administración educativa e de desprezo ao persoal docente e non docente dos centros educativo.

O sindicato estará vixilante diante de calquera actuación irresponsábel nas próximas datas. Ten que estar perfectamente claro que se deben respectar en todo momento as garantías sanitarias e, se isto non é así, denuncialo para poñer freo a unha reincorporación que, nestes momentos, non ten sentido.

As melloras conseguidas para a incorporación do alumnado de profesorado a partir de 25 de maio son insuficientes e apelamos a que opere o sentido común na Consellaría e non aplique as instrucións no sentido que ten indicado, recollendo as propostas que a CIG-Ensino e outras organizacións presentaron, tanto na Mesa Sectorial como no CISSL.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM