A mostra dos Bolechas retoma o itinerario pola provincia e inicia o curso no Morrazo

A mostra permanecerá no paseo marítimo de Moaña ata o 20 de setembro e polas tardes e durante a fin de semana está aberta a público familiar

Desde esta mañá e ata o 20 de setembro a mostra ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego’ permanecerá instalada no paseo marítimo de Moaña para dar a coñecer a riqueza do idioma galego a través do universo Bolechas. Polas mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos da comarca –os centros educativos que desexen concertar visitas poden dirixirse ao enderezo electrónico osbolechas@osbolechas.com ou no teléfono 981 569 155–, e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.

A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano da Lingua, abriu oficialmente as súas portas esta mañá coa presenza dos irmáns e irmás Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que viaxaron ata o Morrazo para darlle a benvida e saudar a toda a rapazada e ás súas familias que se achegaron ata a carpa do paseo marítimo. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, a tenente de alcaldesa, Marta Freire, os concelleiros de Normalización Lingüística e de Cultura, Aldán Santamarina e Salvador Meira, e Tomás Valín representando á Editorial Bolanda.

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, explicou ante unha carpa ateigada de cativas e cativos que “o que aquí tedes ao voso servizo é todo un parque temático dos Bolechas para aprender como se fala nos diferentes lugares do noso país”. Xosé Leal indicoulles que “aquí poderedes aprender que no Morrazo dicimos ghato e ghaliña, pero hai outros sitios onde se di doutras maneiras”. O deputado provincial tamén animou a todos os presentes, tanto cativos como adultos, “a pasalo ben e a aprender xogando”. A alcaldesa da localidade, Leticia Santos aproveitou para anunciar a inminente presentación do libro protagonizado polos célebres personaxes creados por Pepe Carreiro e que toman Moaña como referencia. A presentación das aventuras do Bolechas en Moaña terá lugar, segundo explicou a rexedora, na mesma carpa da exposición, o vindeiro sábado día 15, ás 19 h, e todas as persoas que asistan poderán levar un exemplar do libro. Pola súa banda, e en representación da Editorial Bolanda, Tomás Valín explicou que a mostra está concibida “para coñecer todas as maneiras que temos de falar, e para que poidades ver e escoitar como de diferente se fala en cada un dos sitios de Galicia a través de todos estes xogos que temos para vós”.

A exposición, que estivo en Pontevedra, Lalín e Vilagarcía de Arousa antes do verán, retoma agora o itinerario co inicio do curso en Moaña, e continuará a súa itinerancia por A Estrada, A Cañiza, Caldas de Reis, Tomiño, Ponteareas e Vigo.

Estrutura

A riqueza do idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades temperás é o obxectivo fundamental de ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego’. A mostra, ademais de todos os aspectos lúdicos e pedagóxicos que contempla, tamén coida especialmente os elementos relativos á inclusión e á accesibilidade, tanto física como sensorial. Neste sentido, inclúe ramplas de acceso ao recinto, así como elementos sonoros e sensoriais, en braille e pictogramas de fácil lectura –estes últimos especialmente indicados para persoas con dificultades na aprendizaxe e mesmo con trastornos do espectro autista–.

O percorrido pola carpa estruturase en diferentes áreas consecutivas. A primeira sitúase xa na entrada coa ‘Porta das palabras’, onde as rapazas e rapaces xa comezan a formar parte do proxecto toda vez que deben decidir por que porta entran ao recinto, xa que cada unha ten un nome e unha singularidade particular. Séguenlle ‘A xanela‘ con paneis para xogar coas variedades dialectais do idioma; e o ‘Toque-toque’, unha zona táctil interactiva a través de xogos e de ir aceptando e superando retos. O eixo central é o ‘Faladoiro’, concibido como o gran teatro dos diálogos nun espazo deseñado como unha aula-auditorio con bancadas, escenario e pantallas para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais. Continua coa sección ‘A mergullarse’, unha piscina de bólas concibida para navegar nun mar de palabras que deben atopar e encestar no caixón correspondente; coa sección ‘As nubes’, unha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e son para estimular a aprendizaxe da linguaxe de xeito protagonista; ‘Cantareira’ a modo de gran karaoke para interpretar cancións nas diferentes variedades dialectais; ‘Afouteza’, unha zona touch e de experimentación con xogos táctiles de destreza, debuxo e pintura, tanto interactivos como tradicionais; e por último, “Chan”, o gran mapa da linguas concibido como un xogo da oca no que o taboleiro é un gran mapa de Galicia coas diferentes variedades dialectais, e cos seus correspondentes obstáculos, retos, desafíos e penalizacións.

Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM