As universidades galegas dótanse de novos recursos para fomentar a igualdade de xénero na docencia

Ofrecen múltiples propostas, exemplos de boas prácticas, recomendacións, ferramentas de consulta…

Promover políticas integrais que favorezan a igualdade de xénero, o  principio de Igualdade de oportunidades e a diversidade na docencia e investigación universitaria. Os tres reitores das universidades galegas presentaron este xoves once guías docentes con perspectiva de xénero, editadas orixinariamente en catalán por Xarxas Vives, a asociación que reúne 22 universidades de territorios nos que se fala catalán, e que agora foron traducidas ao galego para pór a disposición da comunidade universitaria galega a través das webs de igualdade das tres institucións de ensino superior galego.

Xunto a Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Julio Abalde, da Coruña e Manuel Reigosa, de Vigo, a presentación das guías -desenvolvida de xeito telemático-, contou tamén coa participación do director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego, ACSUG, José Eduardo López Pereira, e de Natalia Prieto, da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. A maiores estaba prevista tamén a intervención da directora da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e a Acreditación, ANECA, Mercedes Siles, pero finalmente non puido asistir, sendo substituída  neste caso polo profesor da Universidade de Vigo Iván Area, actual responsable da División de Avaliación do Profesorado desta axencia. Todos eles fixeron fincapé na necesidade de que estas guías se convertan en un novo axente de cambio social, xa que axudarán a que o alumnado desenvolva o espírito crítico necesario para identificar estereotipos, normas e roles sociais de xénero e adquira as competencias necesarias para combater ese tipo de prácticas.

Porque nas universidades tamén existen desigualdades…

“Eu aspiro a que os nosos egresados sexan o fermento na sociedade que permita que este ideal irrenunciable de igualdade estea na mente de todos”, explicou o reitor vigués nunha intervención na que tamén chamou a atención sobre a necesidade de coordinar esforzos cos niveis educativos previos, “xa que moitas veces cando chegan á Universidade xa veñen con ideas preconcibidas que logo son difíciles de cambiar”. Xunto a isto o seu homólogo coruñés, Julio Abalde, fixo fincapé na necesidade de que os diferentes equipos de goberno sexan tamén “militantes” á hora de trasladar a idea de que estas competencias deben aplicarse en todas as titulacións. “Tamén nas universidades existen desigualdades e temos que ser moi sensibles para que as consecuencias da pandemia non incrementen aínda máis as desigualdades”, recalcou Abalde. Pola súa banda, Antonio López afondou na idea de que no mundo universitario segue habendo moitas cousas que mellorar para que os coñecidos como teitos de cristal vaian desaparecendo, pondo en valor neste senso o traballo “calado pero constante” que se está levando a cabo desde as unidades de igualdade das tres universidades.

Once guías temáticas especializadas en diferentes ámbitos

Guías para unha docencia universitaria con perspectiva de xénero é unha colección de once guías temáticas promovida e editada orixinalmente en catalán pola Xarxa Vives d’Universitats e trasladada á lingua galega, no marco das iniciativas financiadas con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e desenvolvidas polas oficinas de igualdade do sistema universitario galego.

“As guías ofrecen propostas, exemplos de boas prácticas, recursos docentes e ferramentas de consulta para unha docencia universitaria sen nesgos de xénero en diferentes disciplinas e ámbitos de coñecemento”, explica Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, ao tempo que informou de que abarcan diferentes ámbitos:  ciencias da computación, dereito e criminoloxía, educación e pedagoxía, filoloxía e lingüística, filosofía, física, historia, historia da arte, medicina, psicoloxía e socioloxía, economía e ciencia política.

A colección, publicada conxuntamente polas tres universidades públicas galegas, responde ao interese de proporcionarlle material didáctico ao profesorado universitario, co fin de favorecer, facilitar e promover a inclusión da perspectiva de xénero nas materias que se imparten na educación superior galega.

Tras a inauguración, a xornada prolongouse ao longo de toda a mañá  coa participación, entre outras, da artífice deste proxecto,  a profesora da Universitat Pompeu Fabra, Tania Vergés, e dúas das autoras das guías: Encina Calvo, da Universidade de Santiago de Compostela, e Esperanza Bosch, da Universidade das Illas Baleares. O encontro rematou cun coloquio moderado por Leonor Parcero, presidenta da Asociación Galega de Comunicación Científica e coa intervención das representantes das oficinas de igualdade das tres universidades.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario