Educación destina 40.000 euros ás axudas complementarias do programa Erasmus+ para o alumnado de ensinanzas artísticas

Poderán acceder a elas todos os que tiveron dereito ás axudas europeas

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional destina un total de 40.000 euros ás axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario Erasmus+ para o alumnado que cursou ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia e que participou neste programa de mobilidade no curso 2019/2020. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destas bolsas complementarias autonómicas, ás que poderán acceder todos os estudantes galegos que tivesen dereito ás axudas europeas.

A duración das axudas e a súa contía mantense, de forma que os beneficiados percibirán bolsas que oscilan entre os 125 e os 195 euros/mes (que se suman ás axudas europeas), en función do país de destino, durante a estadía que pode durar entre os dous e os nove meses. En concreto, o importe será de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Irlanda, Francia, Italia, Austria, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein, Noruega), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Bélxica, República Checa, Alemaña, Grecia, Croacia, Chipre, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Eslovenia, Islandia e Turquía) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Romanía, Eslovaquia e Antiga República Iugoslava de Macedonia).

Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme en función dos grupos de países, o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre os solicitantes que posúan unha maior media no seu expediente académico e asignaráselles unha contía uniforme de 500 euros ata esgotar o orzamento.

Presentación de solicitudes

Poderá solicitar estas axudas o alumnado que estivese matriculado no curso 2019/2020 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores en Galicia e que gozase dunha bolsa Erasmus+ de mobilidade nese mesmo curso académico. Non poderá optar a esta bolsa o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe ou que desfrutase desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de agosto. Farase preferiblemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, para o que se poderá empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM