Galicia é a cuarta comunidade coa menor subida do paro na comparativa anual a pesares da incidencia xeralizada da covid na campaña de Nadal

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, sinalou que o desemprego aumenta en todas as comunidades con respecto a decembro de 2019, aínda que en Galicia o ritmo de subida (14,69%) anual é oito puntos inferior ao do Estado (22,90%)

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou hoxe os datos do paro rexistrado destacando que por mor da Covid-19 o desemprego aumentou en todas as comunidades na evolución anual e que o incremento rexistrado en Galicia (14,69%) é máis de oito puntos inferior á media de subida do Estado (22,90%), o que sitúa á Comunidade como a cuarta na que menos ascendeu o desemprego respecto de decembro de 2019.

Lado apuntou, ademais, que pese a que a pandemia está a impactar no mercado laboral galego, Galicia conta con 2.042 parados menos que no inicio do impacto da covid-19. É dicir, con respecto a abril de 2020, cando se rexistrou a cifra máis alta de paro, marcando o impacto inicial da crise sanitaria, hai unha diferencia de -1,07%. Ademais este decembro rexistrouse un descenso de máis do 5% no desemprego no tramo de traballadores e traballadoras menores de trinta anos.

A xuízo da directora xeral, aínda que a pandemia condicionou a reactivación das actividades impulsadas polo Nadal, Galicia continúa en niveis de paro inferiores aos de 2008, no inicio da anterior crise económica. Se agora o incremento interanual se sitúa nun 14,69%, daquela era do 22,53%. A variación mensual, indicou Lago, dista tamén dos rexistros medios do quinquenio 2008-2012. Nos meses de decembro o paro subía de media en 5.551 persoas, fronte as 2.115 contabilizadas este decembro.

“Os datos do mes de decembro reflicten que estamos ante unha situación conxuntural motivada pola Covid-19”, indicou Zeltia Lado, quen subliñou que o Goberno galego está a traballar no deseño de medidas que permitan paliar “coa maior celeridade posible” os seus efectos. Neste sentido lembrou que a Xunta está a resolver en tempo récord as axudas do Plan de Rescate para autónomos, microempresas e establecementos hostaleiros dotado con 86,2 millóns de euros.

Lado avanzou que a Consellería de Emprego e Igualdade retomará o Diálogo Social e as reunións cos autónomos tras as festas de Nadal para activar “o antes posible” novas medidas de apoio que acompañen aos sectores prexudicados pola pandemia.

A Xunta traballa ademais, tal e como lembrou, en novas iniciativas empresariais para crear emprego e desenvolvemento económico co eixo común de “atender necesidades non cubertas no territorio”. Trátase, tal e como detallou, de contribuír a desenvolver cadeas de valor vinculadas a industrias ou servizos presentes no territorio “para crear emprego e economía social de proximidade”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM