Galicia participará de forma activa na Semana Europea das Rexións e das Cidades que terá lugar en Bruxelas en outubro

A Fundación Galicia Europa coordinará a participación galega na nova edición da Semana Europea das Rexións e das Cidades, onde Galicia estará representada en varios actos do evento

O Comité Europeo das Rexións (CdR), en colaboración coa Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea (DG REGIO), organizará en Bruxelas do 7 ao 10 de outubro a Semana Europea das Rexións e das Cidades (EWRC nas súas siglas en inglés): un evento de catro días de duración que reúne a máis de 6.000 asistentes e 600 relatores nun programa oficial con máis 300 actos nos que se abordarán as políticas rexionais e locais europeas sobre cohesión e desenvolvemento rexional e urbano.

Galicia terá este ano unha participación destacada na EWRC cun total de catro eventos organizados por entidades galegas como a Autoridade Portuaria de Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) ou a Fundación Galicia Europa (FGE). A propia Fundación será a encargada de coordinar á representación autonómica durante as fases de preparación e desenvolvemento dos catro actos con participación galega que se celebrarán o vindeiro martes 8 de outubro na capital europea.

A participación de Galicia durante esta segunda xornada da EWRC 2019 abrirase cun evento sobre a achega galega á loita contra o cambio climático, expoñéndose con detalle a finalidade e os obxectivos da Estratexia galega sobre Cambio Climático e Enerxía de cara ao ano 2050. Despois, terá lugar unha exposición sobre a Estratexia de Crecemento Azul do Porto de Vigo. Esa mañá tamén haberá un evento de I+D+i sobre o papel das rexións europeas na promoción da transformación dixital das pemes organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN). Durante este acto, GAIN presentará os resultados dos proxectos I4MS e TETRAMAX nos que se están a desenvolver ferramentas e servizos que incentivan a innovación dixital entre as pemes industriais europeas.

O último evento con participación galega dese día céntrase no futuro da política de cohesión, concretamente, á hora de afrontar os desafíos globais e a necesidade de reformas estruturais que precisa esta importante política pública europea. Neste seminario, organizado pola Fundación Galicia Europa, explicaranse os beneficios que a política de cohesión aporta ás rexións europeas e se proporá un debate sobre o seu futuro financiamento no marco do novo período financieiro 21-27.

Os catro eventos coordinados pola FGE forman parte das 300 sesións programadas para a EWRC 2019, entre as que se atopan laboratorios participativos, obradoiros, charlas, un espazo de exposición, degustacións de produtos rexionais e actividades de networking. Todos estes actos se agruparán en seis bloques temáticos: O futuro da UE e o papel das rexións e das cidades; unha Europa máis próxima aos cidadáns; unha Europa máis verde; unha Europa socialmente máis integrada; unha Europa máis intelixente e unha Europa máis conectada.

Primeiro cume sobre o futuro da mobilidade autónoma

Coincidindo coa Semana Europea das Rexións e das Cidades, o día 9 de outubro celebrarase en Bruxelas un gran encontro sobre mobilidade autónoma con representación da industria, das institucións comunitarias e de autoridades rexionais. A cita está organizada polo Grupo Interrexional do Automóbil (Future of the Automotive Industry-CoRAI) do Comité Europeo das Rexións (CdR), do que Galicia é parte activa. No panel e na mostra de proxectos deste cumio europeo vai participar como representante galego o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) presentando o proxecto SISCOGA, un corredor de probas cuxo principal obxectivo é poñer en marcha proxectos relacionados coa condución autónoma e conectada. Posteriormente, haberá un debate político sobre a mobilidade autónoma a nivel local no que participará a Xunta de Galicia.

Novas edicións do programa TecEuropa

A participación da Fundación Galicia Europa na EWRC 2019 coincidirá, no tempo e no espazo, coa oitava edición do seu programa TecEuropa de especialización en financiamento comunitario destinado á formación de persoal de entidades galegas interesadas en participar en proxectos europeos. Tras pecharse a convocatoria para esta 8ª edición o 18 de xullo xa se pode atopar na páxina web da FGE a listaxe de 20 persoas que van participar nesta nova edición do programa formativo. A relación de prazas asignadas é a seguinte: sete técnicos que pertencen a entidades membros do Padroado da FGE, seis técnicos de entidades locais galegas e outros sete de entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro.

Por outra banda, xa está aberto o prazo de inscrición para a 9ª edición de TecEuropa cuxa primeira parte terá lugar en Bruxelas do 11 ao 15 de novembro, mentres que a segunda parte vaise celebrar en Santiago de Compostela o día 26 de novembro. O prazo para presentar solicitudes se estenderá ata o vindeiro 9 de setembro. As solicitudes e documentación complementaria deben ser presentadas de forma obrigatoria por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Toda a información ao respecto pode atoparse na web da Fundación Galicia Europa.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM