José Souto, gaña a primeira edición dos premios Xardín Galego

Sven Dieter, paixasista alemán residente en Galicia desde hai 20 anos, obten o segundo galardón

O paixasista José Souto foi o gañador da primeira edición dos Premios Xardín Galego, un galardón posto en marcha pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e a Asociación Galega de Empresa de Xardinería (Agaexar) para recoñecer e difundir actuacións exemplares en traballos de xardinería pública e privada realizados por empresas e autónomos de Galicia, dignificando e promocionando o sector da xardinería na comunidade autónoma. “Para min é  unha honra gañar este concurso. O meu estilo é o xardín inglés e sen eses produtos que me achega o Baixo Miño non tería a evolución que tivo o meu traballo neste tempo. É un orgullo non só pola parte de deseñador, senón tamén como consumidor de produtos da contorna”, salientou.

Sven Dieter, paixasista alemán residente en Galicia dende hai 20 anos, foi o gañador do segundo premio deste certame cunha terraza feita en Lugo para unha empresa que tiña “un espazo que non se utilizaba para nada e que querían converter nunha entidade verde  dentro da empresa para uso de traballadores e traballadoras, sostible no tempo e cun mantemento case autónomo”.

“Esperamos que esta primeira edición sexa o comezo de moitas máis”, asegurou Óscar Vaquero, membro de acuBam, durante a entrega dos premios este sábado 16 na 16ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño, organizada de forma conxunta por acuBam e o Concello de Tomiño e que estará aberta ao público profesional e xeral ata o domingo 17 no pavillón municipal de Goián. Durante o acto, Víctor Pérez, presidente de Agaexar, presentou a segunda edición dos premios, nos que de novo valoraranse os traballos que dean prioridade ao uso de material vexetal fronte a materiais inertes, nos que teña preferencia o material vexetal producido en Galicia e criterios de sustentabilidade aplicados á obra, así como o deseño, creatividade, orixinalidade ou composición vexetal, combinación de especies, textura e cor.

As persoas interesadas poderán presentar os seus traballos ata o 31 de decembro de 2019, un único traballo por participante, enviando ao correo electrónico info@agaexar.gal a ficha cos datos do candidato, a declaración escrita que garanta a autoría da obra presentada, fotografías xerais e de detalle co antes e o despois da intervención e unha memoria descritiva do proxecto realizado. O gañador ou gañadora darase a coñecer durante a celebración da vindeira edición da Mostra, en 2020.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM