Lalín acolle este xoves a acción artística de Marta Pérez no programa da Deputación “Violencia zero”

“Sofía” é a décimo primeira acción desta iniciativa que busca darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas

O vestíbulo da casa do concello de Lalín acollerá este xoves, 4 de abril, ás 12 horas, unha nova intervención artística no marco do programa da Deputación “Mulleres en acción. Violencia zero“. Na iniciativa participarán máis de 100 estudantes do IES Laxeiro e do IES Ramón Aller, ademais de persoas da Asociación Morea.

Sofía é o nome desta acción, que consistirá nun pequeno espectáculo unipersoal da artista Marta Pérez, feito ad hoc a partir doutro maior, Sofía e as postsocráticas. A peza versa sobre a violencia machista desde unha perspectiva filosófica, empregando máis concretamente ideas da filosofía grega para establecer que é e que non é a violencia machista. Os casos da Manada, o de Juana Rivas, o silencio como resposta, o chamado victim blaming (culpabilizar á vítima) e a síndrome do espectador resoarán nun diálogo protagonizado pola artista.

Marta Pérez é actriz e creadora escénica. Dirixe a compañía Inversa Teatro, coa que presentou diferentes producións, como “Expostas”, “Kamouraska”, “Paper Dolls”, “Té con Kant” e “Fémina Sapiens”. A súa compañía levouna a realizar xiras por Brasil, Colombia, México, Venezuela, Estados Unidos ou Portugal. Licenciada en Filosofía, procura unha linguaxe propia nos seus textos e espectáculos a partir do seu interese filosófico e a súa intención feminista.

Neste ano 2019 “Mulleres en acción. Violencia zero” volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta cuarta edición comezou en novembro de 2018 e novamente se realiza en 25 concellos da provincia.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM