O comité clínico propón que a hostalería de toda Galicia peche ás seis da tarde

Os expertos recomendan que toda a comunidade entre nos dous niveis máximos de restricións, onde as xuntanzas son dun máximo de catro persoas e a mobilidade está limitada

O comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia propón, para conter a crise sanitaria, que toda Galicia pase a estar nos dous niveis máis altos de restricións, dos catro que manexan, o que suporía que toda a hostalaría peche ás seis da tarde e que o número máximo de persoas por reunión sexa de catro. 

No nivel máximo, a hostalaría soamente pode funcionar coas as terrazas ao 50%; no medio alto, o seguinte, poden traballar ao 30% en interior e ao 50% no exterior.  En ambos os chanzos, a mobilidade está restrinxida. 

Ata agora, no nivel máximo estaban os concellos de máis de dez mil habitantes cunha incidencia acumulada a 14 días igual ou superior a 250 casos por cada cen mil habitantes. No medio alto, os municipios de máis de 10.000 habitantes cunha incidencia de entre 150 e 250 casos a 14 días vista e os de menos de 10.000 cunha incidencia que estea por encima dos 250 casos por cada cen mil habitantes.  Desaparecerían neste momento os niveis medio e básico, os máis permisivos. 

Os expertos, que se xuntaron este luns ás seis da tarde, seguen aínda debatendo como van endurecer as limitacións de mobilidade, ocupación, toques de queda e contactos persoais ante a expansión do virus, polo que os detalles en profundidade os darán este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, nunha comparecencia conxunta. 

A escalada de contaxios por covid-19 en Galicia segue o seu curso e xa ascende a 8.810 casos activos, 560 máis que no anterior reconto, e a 844 novos positivos, 142 máis. Hai apenas unha semana a comunidade galega acumulaba 5.991 contaxios activos, 426 máis que o 23 de decembro, véspera das festas do Nadal.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu este martes de que a situación pola covid-19 seguirá deteriorándose durante as próximas semanas e anticipou que a terceira onda será “superior” á segunda, cuxo pico se rexistrou o pasado mes de novembro.

Núñez Feijóo avanzou que as medidas serán proporcionais á situación actual e, por tanto, “máis restritivas”.  Insistiu en que o comité asesor traballa con independencia e rigor e atendendo a criterios epidemiolóxicos, que son os que orientan as súas recomendacións ao Goberno galego.

As novas medidas entrarán en vigor probablemente o venres, segundo adiantou Núñez Feijóo, que citou entre os sectores nos que a Xunta pode actuar os ximnasios ou as salas de xogos, ademais da hostalaría en si.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM