O comité de Galicia Téxtil pide a intervención da Xunta e que revise a concesión do salto de auga se a empresa mantén o ERE de extinción

O comité de Galicia Téxtil vai solicitar unha reunión urxente coa Consellaría de Economía para demandar a intervención da Xunta ante o despedimento colectivo formulado pola dirección, tendo en conta que o Goberno galego dispón das competencias en materia de industria e que empresa goza da concesión pública para a explotación do salto de auga do río Xuvia.

A representación do persoal agarda que o conselleiro teña a mesma celeridade para atender a petición de reunión “que para publicitar a empresa no ano 2015 como un exemplo de modernización”. Demandan do conselleiro que actúe na busca de solucións que afiancen o proxecto industrial, mantendo os postos de traballo e a actividade produtiva na factoría de Neda. Neste senso chaman a atención sobre o feito de que permitir que a empresa leve adiante o ERE extintivo para 20 dos seus 36 traballadores e traballadoras, afondaría na destrución do tecido produtivo dunha comarca tan deprimida como Ferrolterra.

Compromiso co emprego e a continuidade industrial

Dende a representación social instan o Goberno galego a revisar a concesión do salto da presa do Rei que dende hai anos explota Galicia Téxtil, “pois non se pode consentir que a empresa se beneficie dun recurso natural de todas as galegas e galegos” ao tempo que destrúe emprego. Gozar dese dereito, engaden, debe ter como contrapartida un compromiso firme e decidido da empresa co mantemento e creación de emprego nesta factoría.

Polo tanto, “se a empresa non fai o preciso para garantir a viabilidade industrial e a continuidade produtiva e dos postos de traballo, a Xunta ten que revisar a concesión”.

Os traballadores e as traballadoras iniciarán mobilizacións este venres se a empresa “non retira o ERE e accede a estudar outras medidas menos dramáticas e máis xustas co persoal”, moito do cal ten desenvolvido toda a súa vida laboral nesta fábrica.

A este respecto, o secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco Xabier Cartelle, explica que a representación social transmitíuselle a necesidade de contar cun plan de futuro e propuxéronse outro tipo de medidas menos traumáticas, como unha regulación temporal, á expectativa de afianzar o cambio de modelo que quere a empresa e ir reincorporando o persoal nese proceso, máis tendo en conta que o cadro de persoal actual xa se considera escaso logo do acordo de prexubilacións do ano 2019.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM